ESTREA DA LONGAMETRAXE DOCUMENTAL “MEMORIAS ROTAS”

5 / 01 / 2010

O vindeiro xoves día 7 de xaneiro, ás 20 horas, estréase no Teatro Rosalía de Castro, na Coruña, a longametraxe documental de Manane Rodríguez MEMORIAS ROTAS. O filme, producido por Xamalú Filmes en colaboración coa Televisión de Galicia, foi rodado en varias fases durante 2008 e 2009 en diversos lugares de Asturias e Galicia.

Seguindo a pegadas dun romance popular, e a través dos relatos de quen foron testemuñas dos feitos, e dos seus descendentes, MEMORIAS ROTAS conta o tráxico destino dun grupo de milicianos do Batallón Galicia que tras defender a sangue e lume os seus ideais de liberdade na Fronte Norte republicano foron dados por desaparecidos.

MEMORIAS ROTAS dá testemuño do destino dese grupo de homes, que lideraba o dirixente anarquista coruñés José Moreno Torres, o Comandante Moreno, á vez que traza un mosaico de informacións que suxiren a dolorosa atmosfera da guerra civil española.

Na estrea estarán presentes a directora, membros do equipo que colaborou na realización do documental e algúns dos protagonistas do mesmo, un protagonismo coral xeneroso e valente que permitiu, setenta e dous anos despois, unha reparación cívica e moral ás vítimas.

TRAILER:
http://www.youtube.com/watch?v=TDK02HJR1OU

 

Categoría: Novas
Etiquetas: