ESTA NOITE COÑECERANSE NO TEATRO JOFRE DE FERROL OS GAÑADORES DOS PREMIOS MESTRE MATEO 2007

15 / 04 / 2008

Esta noite terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol a Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 2007, na que se coñecerán os gañadores das vintecinco categorías que conforman os galardóns da presente edición. Por segundo ano consecutivo, Antonio Durán (Morris) e Manuel Manquiña serán os presentadores do certame e polo tanto os responsables en boa parte de asegurar o mellor ton para esta gala: áxil, amena e moi, moi entretida. Responsabilidade que, ao igual que na pasada edición, comparten cos guionistas e directores da Gala, Xosé Castro e Andrés Mahía.
A cita anual más importante dos profesionais e da industria audiovisual galega será retransmitida por Televisión de Galicia e aglutinará non só unha ampla representación do propio sector senon tamén de personalidades doutros ámbitos da cultura, da comunicación e da realidade socioeconómica, política e institucional de Galicia que xa confirmaron a súa asistencia.

No traballo de levar a bo término a entrega dos premios participarán un nutrido grupo de actores e actrices galegos, entre eles, Pedro Alonso, María Vázquez, Xosé Barato, Camila Bossa, Alfonso Hermida, Teté Delgado, Alejandro Macías e Mayka Braña. Todos eles axudarán a desvelar en directo ante o público o segredo gardado nos sobres notariais, cos nomes gañadores nesta sexta edición dos Premios Mestre Mateo, resultantes das votacións feitas nas últimas semanas por todos os membros da Academia con dereito a voto. Pola súa banda, a actriz Isabel Risco colaborará cos presentadores para espertar os sorrisos do público.

Este ano, os directivos da Academia aprobaron outorgar o Premio de Honra Fernando Rey -creado para recoñecer as traxectorias profesionais salientables no eido do audiovisual galego- ao prolífico actor de teatro, cine e televisión, Ernesto Chao, que recollerá o galardón no transcurso da Gala.
A Gala ten como patrocinadores tres consellerías da Xunta de Galicia, concretamente, as de Presidencia, Cultura e Deportes, e Innovación e Industria, a través das súas direccións xerais de Comunicación Audiovisual, Creación e Difusión Cultural, e Promoción Industrial e Sociedade da Información, respectivamente. Así mesmo, conta co patrocinio da Concellería de Cultura e Promoción Turística do Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición son: Fundación Aisge, Gadisa, SGAE-Fundación Autor, e Spica.

A Gala dos Premios Mestre Mateo estivo precedida, por segundo ano, da Semana do Audiovisual Galego, o circuíto de exhibición dos traballos finalistas aos galardón que naceu na pasada edición dos premios, e que este ano dobrou o número de localidades, achegando as producións a 60 localidades galegas ao longo da semana pasada e sumando un total de 83 puntos de proxección.

Etiquetas: