ESTA NOITE CHEGA A GALA DOS XVI PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO

3 / 04 / 2012

Este serán o Teatro Rosalía de Castro da Coruña abrirá as súas portas para a XVI edición dos Premios María Casares de Teatro que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). 

Os convidados chegarán ao recinto dende as 20:30 horas para unha cita que é unha homenaxe ao mundo da escena e reunirá, unha vez máis, a profesionais e numerosos amigos. A TVG ofrecerá o evento tralo capítulo da serie “Matalobos”.

Durante a cita, D. Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega lerá o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro, redactado polo propio escritor.

Os trofeos consisten nunha xerra coa efixie da actriz María Casares que xa é toda unha icona. As 13 categorías  que procuran gañador ou gañadora son: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Na categoría de mellor maquillaxe os nomeados son: Fani Mosqueira (por American Café, de Teatro do Morcego); Raquel Fidalgo (por Tango, de Sarabela Teatro); e Trini Fernández Silva (con A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego).

En mellor vestiario os finalistas son: Carlos Alonso (con A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego); Paco Conesa (por Piratas, Teatro do Noroeste); e Ruth D. Pereira (Tango, Sarabela Teatro).

Os nomeados en mellor iluminación son: Baltasar Patiño (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego); Fidel Vázquez (Citizen Total, do Grupo Chévere); e Octavio Mas (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).

Na categoría da mellor música orixinal, os finalistas son: Nacho Sanz (Soños, Bichakadela), Piti Sanz (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas); e Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total, Grupo Chévere).

Os finalistas por mellor adaptación-tradución son: Avelino González (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas); Pepe Sendón (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego); e Xosé Manuel Pazos Varela (por “E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico).

Os traballos recoñecidos na categoría de mellor texto orixinal son: Avelino González, Artur Trillo, María Ordoñez e Sechu Sende (por Pelos na lingua, de Talía Teatro); Manuel Cortés (Citizen Total, Grupo Chévere); e Santiago Cortegoso (con 0,7% Molotov, de Teatro de Ningures).

En mellor escenografía, os nomeados son: Baltasar Patiño (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego); Chévere (Citizen Total, Grupo Chévere); e Paco Conesa (por Piratas, Teatro do Noroeste).

Como mellor actriz secundaria, son nomeadas: María Lado (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas); Marta Pazos (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego); Mónica García (Citizen Total, Grupo Chévere); e Victoria Pérez ( Piratas, Teatro do Noroeste).

Os nomeados como mellor actor secundario son: César Goldi (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego); Vicente de Souza (Tango, Sarabela Teatro); e Víctor Mosqueira (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego).

Os finalistas como mellor actriz protagonista son: Luísa Merelas (“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico); Patricia de Lorenzo (Citizen Total, do Grupo Chévere) e Susana Dans (“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), Teatro do Atlántico).

Como mellor actor protagonista, os nomeados son: Antonio Durán “Morris” (O florido pénsil, de Eme2 emoción&arte); Evaristo Calvo (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas); e Josito Porto (O florido pénsil, de Eme2 emoción&arte).

Na categoría de mellor dirección, os finalistas son: Avelino González (por Pelos na lingua, de Talía Teatro); Xesús Ron  (Citizen Total, Grupo Chévere); e Xúlio Lago (con “E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico).

Finalmente, na categoría de mellor espectáculo, os nomeados son: Citizen Total (Grupo Chévere); O florido pénsil (Eme2 emoción&arte); e Oeste solitario (Producións Teatráis Excéntricas.

Deste xeito, 11 espectáculos, dos 30 que se presentaban, conseguiron algún nomeamento para estes galardóns.

Un dos premios que se entregará xa é coñecido, trátase do Premio de Honra Marisa Soto que homenaxeará a traxectoria da Sala Nasa. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu conceder o galardón á Nasa por: “Ser unha sala alternativa independente de referencia en Galicia e no estado   español; converterse nunha Sala de exhibición imprescindible na vida teatral e cultural de Santiago  de Compostela; provocar unha xeración de profesionais da escena que se criaron e medraron a carón da Sala, converténdoa nunha auténtica `escola de rúa’; e por ser un proxecto diferenciado e  innovador, sempre á procura dunha linguaxe propia e dunha particular maneira de achegar as artes escénicas á cidadanía”.

 

A Gala dos Premios María Casares 2012

A gala dos María Casares 2012, maxinada pola compañía Obras Públicas será, de seguro, “sorprendente, divertida e moi áxil”, en palabras do seu director Jose Luis Prieto.

Sobre as ruínas do gran teatro de Galicia. A escenografía, atrezzo e vestiario utilizáronse previamente noutros espectáculos e espazos escénicos, dando lugar a unha posta en escena “ruinosa”.  Unha estética de teatro abandonado pero imaxinativa é a aposta plástica na que se enmarcará a gala.

Apunta Suso Montero, director artístico da cita, que “haberá moitas sorpresas pero podemos adiantar que quitarémoslles o po a telóns antigos, do Teatro Jofre de Ferrol ou do Centro Dramático Galego, algúns levan enrolados 10, 15 ou 20 anos; e amosaremos as entrañas dos teatros, o que normalmente non se ve”.

Humor. Cinco intervencións teatrais cheas de humor,  de cinco minutos cada unha a cargo de dous actores e unha actriz,  máis unha canción final  con tres artistas máis convidados, constitúen a parte artística intercalada entre os bloques de premios. As dúas partes (números artísticos e bloques de premios) avanzarán unidas por enlaces musicais efectuados por unha banda de tres músicos, para dar fluidez e continuidade á gala.

Homenaxe ao teatro e @s teatreir@s. As intervencións artísticas, a cargo da compañía Obras Públicas, estarán centradas nun universo puramente teatral, dende unha revisión humorística de Romeo e Xulieta, ata unha pelexa de espadas, pasando  polo discurso da raíña de Galicia, unha tertulia sobre temas de actualidade e a historia do teatro universal contada en cinco minutos. (Posible record do mundo).

O elenco da gala fórmano César Goldi, Carlos Mosquera “Mos” e Iolanda Muiños; con Fernando Dacosta, Patricia Vázquez e Susana Dans como artistas convidados.

O director musical é Ramón Orencio e os músicos, Ramón Orencio, Checho Mosquera e Fran Facal.

A dirección artística corresponde a Suso Montero. O rexedor e axudante de dirección é Afonso Castro; e a dirección é de Jose Prieto.

A produción executiva dos Premios María Casares é de Marta Horjales.

Categoría: Novas
Etiquetas: