O próximo luns, 28 de novembro, Voz Audiovisual abrirá as súas portas aos primeiros candidatos para os seus cursos de Guión e de Interpretación, que darán comezo o próximo 6 de febreiro. Durante 5 meses e en horario de tarde, de 5 a 8.30 e de luns xoves, a primeira promoción desta canteira galega desfrutará das leccións dalgúns dos máis importantes profesionais do sector en Galicia.
Voz Audiovisual xa comezou a citar aos futuros alumnos para unha proba e entrevista persoal. Trátase dun requisito indispensable para asignar nivel aos candidatos, pois é a intención da produtora non deixar a ninguén fora e facer os grupos necesarios, para ensinar ao que menos sabe e perfeccionar.
Estes cursos contan cun atractivo extra: a participación de creadores e protagonistas das dúas series de máis éxito na actualidade en Galicia. Así, os alumnos de Guión asistirán (entre outras materias) ás clases dos autores que, semana a semana, enganchan aos espectadores de Padre Casares e Matalobos (entre outras ficcións). Pola súa parte, os alumnos de Interpretación contarán entre o seu profesorado con rostros tan familiares como os de Luis Iglesia (Carmelo Matalobos) ou Antonio Durán Morris (alcalde de santo Antonio de Louredo). Os cursos impartiranse nos mesmos platós, redaccións e outros espazos onde, día a día, se gravan ambas series.
Non fai falta ter formación nin experiencia previa, nin hai límite de idade. En ambos casos, os alumnos estarán tutorizados dende un comezo. Ao finalizar o curso, os guionistas iranse a casa cun proxecto de ficción perfectamente estructurado; os intérpretes cun videobook.
É a intención da produtora que, a partir de agora, a súa escola sirva a Voz Audiovisual como canteira de profesionais. Que os mellores profesionais do momento formen aos profesionais do futuro; que o fagan sen ter que saír de aquí e para que traballen aquí. Trátase de inverter en formación, contribuíndo a construír unha nova industria audiovisual, baseada no talento.
Para solicitar información /inscrición chamar ao teléfono 981180100, escribir a vozaudiovisual@vozaudiovisual.com, ou consultar a web www.vozaudiovisual.com.