Onte pola noite celebrouse a XVI edición dos Premios María Casares de Teatro, a cita que reúne anualmente aos profesionais e aos amigos da escena, coa organización da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
A cita foi no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, no que se xuntaron máis de 550 convidados. Antonio Durán, Morris, presidente da AAAG foi o encargado de dar a benvida aos asistentes.
Durante a cita, D. Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega leu o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro, redactado polo propio escritor.
Un dos momentos máis agardados da cerimonia foi a entrega do Premio de Honra Marisa Soto aos representantes da Sala Nasa. Xesús Ron, Miguel de Lira e Manuel Cortés subiron ao escenario a recollelo.
A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu conceder o galardón á Nasa por: “Ser unha sala alternativa independente de referencia en Galicia e no estado español; converterse nunha Sala de exhibición imprescindible na vida teatral e cultural de Santiago de Compostela; provocar unha xeración de profesionais da escena que se criaron e medraron a carón da Sala, converténdoa nunha auténtica `escola de rúa’; e por ser un proxecto diferenciado e innovador, sempre á procura dunha linguaxe propia e dunha particular maneira de achegar as artes escénicas á cidadanía”.
Os trofeos consisten nunha xerra coa efixie da actriz María Casares que xa é toda unha icona.
Os gañadores dos Premios María Casares 2012
MELLOR MAQUILLAXE:
Na categoría de mellor maquillaxe a gañadora foi: Trini Fernández Silva (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego).
Os outros nomeados eran Fani Mosqueira (por American Café, de Teatro do Morcego) e Raquel Fidalgo (por Tango, de Sarabela Teatro).
MELLOR VESTIARIO:
En mellor vestiario levou a xerra Carlos Alonso (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego).
Os outros finalistas eran Paco Conesa (por Piratas, Teatro do Noroeste); e Ruth D. Pereira (Tango, Sarabela Teatro).
MELLOR ESCENOGRAFÍA:
En mellor escenografía a xerra de María Casares foi para Paco Conesa (por Piratas, Teatro do Noroeste).
Os outros nomeados foron Baltasar Patiño (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego) e Chévere (Citizen Total, Grupo Chévere).
MELLOR ILUMINACIÓN:
Na categoría de mellor iluminación destacouse a Octavio Mas (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).
Os outros nomeados eran Baltasar Patiño (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego) e Fidel Vázquez (Citizen Total, do Grupo Chévere).
MELLOR MÚSICA ORIXINAL:
Na categoría da mellor música orixinal gañou Xacobe Martínez Antelo (Citizen Total, Grupo Chévere).
Os outros finalistas eran: Nacho Sanz (Soños, Bichakadela) e Piti Sanz (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).
MELLOR ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN:
A mellor adaptación-tradución foi parar para Avelino González (por Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas.
Os outros finalistas eran:) Pepe Sendón (A Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego) e Xosé Manuel Pazos Varela (por “E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico).
MELLOR TEXTO ORIXINAL EN GALEGO:
Na categoría de mellor texto orixinal en galego destacouse a Avelino González, Artur Trillo, María Ordoñez e Sechu Sende (por Pelos na lingua, de Talía Teatro).
Tamén estaban nomeados en mellor texto orixinal Manuel Cortés (Citizen Total, Grupo Chévere) e Santiago Cortegoso (con 0,7% Molotov, de Teatro de Ningures).
MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA:
Como mellor actriz secundaria destacouse a Mónica García (Citizen Total, Grupo Chévere).
As outras nomeadas eran María Lado (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas); Marta Pazos (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego); e Victoria Pérez ( Piratas, Teatro do Noroeste).
MELLOR ACTOR SECUNDARIO:
O galardón para mellor actor secundario foi para Vicente de Souza (Tango, Sarabela Teatro).
Os outros finalistas eran César Goldi (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego) e Víctor Mosqueira (A Ópera dos tres reás, Centro Dramático Galego).
MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA:
Na categoría de mellor actriz protagonista premiouse a Patricia de Lorenzo (Citizen Total, do Grupo Chévere).
As outras finalistas eran: Luísa Merelas (“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico); e Susana Dans (“E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), Teatro do Atlántico).
MELLOR ACTOR PROTAGONISTA:
A xerra como mellor actor protagonista foi para Evaristo Calvo (Oeste solitario, de Producións Teatráis Excéntricas).
Os outros nomeados eran Antonio Durán “Morris” (O florido pénsil, de Eme2 emoción&arte) e Josito Porto (O florido pénsil, de Eme2 emoción&arte).
MELLOR DIRECCIÓN:
Na categoría de mellor dirección destacouse a Xesús Ron (Citizen Total, Grupo Chévere).
Os finalistas foron Avelino González (por Pelos na lingua, de Talía Teatro) e Xúlio Lago (con “E.R.” (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico).
MELLOR ESPECTÁCULO:
Finalmente, na categoría de mellor espectáculo destacouse a Citizen Total (Grupo Chévere).
Os outros nomeados eran O florido pénsil (Eme2 emoción&arte) e Oeste solitario (Producións Teatráis Excéntricas.
Intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega redactou e leu na cerimonia o Manifesto Galego do Día Internacional do Teatro, fortemente aplaudido.
“Os máis vellos, se cadra, lembran os días afastados nos que, en voz baixa, sentíamos dicir que en Francia brillaba unha estrela, no teatro e no cine, e que tal estrela era filla de Casares Quiroga”.
“Algo ten o teatro que nos entusiasma, como dicían os gregos referíndose nada menos que aos seus deuses. Arrebátanos, ilumínanos, fai que riamos, coñezamos e choremos, que odiemos e que amemos. Grazas ás mulleres e aos homes do teatro galego, aos de todas as disciplinas e especialidades por esta celebración en días duros e difíciles”, apunta Méndez Ferrín.
O presidente da Real Academia Galega concluíu: “Os estados están obrigados a protexer e dotar de recursos os teatros nacionais, como están obrigados a manter un sistema nacional de educación. Esta obriga, que non pode estar sometida á lóxica dos recortes, atinxe de pleno e no centro das súas responsabilidades á Xunta de Galicia que en modo ningún pode deixar abandonado nin desprotexido o noso teatro”.
Intervención do presidente da AAAG
Na súa intervención, Antonio Durán “Morris”, presidente da AAAG deu a benvida á “Gran Festa, na que retomando aquel concepto Grotowskyiano do “Teatro Pobre” do século XX, damos un paso adiante para reinventarnos no século XXI no Gran Teatro das Ruínas”.
Morris salientou no seu discurso que ”A día de hoxe, autores como Shakespeare, Molière, Ibsen, Brech, Pinter, Camus, vense desbancados polo éxito inesperado doutros autores como:Goldman Sachs, Lehman Brothers, Xose Luis Méndez, Standard & Poor’s, Moody’s, Xulio Gayoso, Reuters, etc… Pois ben, destes autores contemporáneos ata agora descoñecidos, bebe hoxe a nosa escena nacional para dar vida e reivindicar o noso Gran Teatro das Ruínas en Galicia. Desde a Asociación de Actores e Actrices queremos agradecerlles a todos eles, pero sobre todo ás institucións públicas que os apoiaron e apoian, o grande esforzo realizado para chegar hoxe ata aquí”.
Á situación actual do teatro en Galicia chegouse tamén, en palabras de Antonio Durán: “grazas á nosa boa disposición á famosa flexibilidade, que é un exercicio de expresión corporal onde, conxugando distintas técnicas, disciplinas e posicións, os actores sempre rematamos irremediablemente mirando para Cuenca”.
A Gala dos Premios María Casares 2012
A gala dos María Casares 2012, estivo maxinada pola compañía Obras Públicas e sorprendeu a todos os asistentes.
Sobre as ruínas do gran teatro de Galicia. A súa escenografía, atrezzo e vestiario utilizáranse previamente noutros espectáculos e espazos escénicos, dando lugar a unha posta en escena «ruinosa». Unha estética de teatro abandonado pero imaxinativa foi a aposta plástica na que se enmarcou a gala.
Humor. Cinco intervencións teatrais cheas de humor, de cinco minutos cada unha a cargo de dous actores e unha actriz, máis unha canción final con tres artistas máis convidados, constituíron a parte artística intercalada entre os bloques de premios. As dúas partes (números artísticos e bloques de premios) avanzaron unidas por enlaces musicais efectuados por unha banda de tres músicos.
Homenaxe ao teatro e @s teatreir@s. As intervencións artísticas, a cargo da compañía Obras Públicas, estiveron centradas nun universo puramente teatral, dende unha revisión humorística de Romeo e Xulieta, ata unha pelexa de espadas, pasando polo discurso da raíña de Galicia, unha tertulia sobre temas de actualidade e a historia do teatro universal contada en cinco minutos.
O elenco da gala formárono César Goldi, Carlos Mosquera «Mos» e Iolanda Muiños; con Fernando Dacosta, Patricia Vázquez e Susana Dans como artistas convidados.
O director musical foi Ramón Orencio e os músicos, Ramón Orencio, Checho Mosquera e Fran Facal.
A dirección artística correspondeu a Suso Montero. O rexedor e axudante de dirección foi Afonso Castro; e a dirección foi de Jose Prieto.
A produción executiva dos Premios María Casares correspondeu a Marta Horjales.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa hoxe en día a máis de 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia, cuxa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público. O portal da asociación é www.aaag.es. Os XVI Premios María Casares contaron coa colaboración, entre outros, da AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE e TVG.