A XV EDICIÓN DO MÁSTER EN PRODUCIÓN E XESTIÓN AUDIOVISUAL INAUGURARASE O PRÓXIMO 24 DE OUTUBRO

21 / 10 / 2013

O próximo xoves, 24 de outubro, ás 12:00 horas, inaugurarase a XV edición do Máster n Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coa colaboración de AGADIC (Axencia Galegas das Industrias Culturais) e o Concello de A Coruña.

Desde 1999 o MPXA forma futuros profesionais da produción executiva nas distintas áreas do sector audiovisual: cine, televisión, animación e novos media. Está dirixido a licenciados e diplomados interesados no proceso da produción audiovisual.

O plan de estudos do MPXA, que se imparte nas instalacións da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, en La Voz de Galicia, atende á necesaria diversidade de coñecementos dun produtor executivo e ofrece aos alumnos un gran abanico de materias que inclúen guión, técnicas de venta de proxectos, sesións de produción cun enfoque administrativo (propiedade intelectual, contratos, subvencións, etc), nocións de distribución, análises de formatos e políticas de programación e deontoloxía profesional, entre outras.

Ao longo do curso imparten clases no MPXA máis de medio centenar de profesionais en activo do sector, procedentes de produtoras audiovisuais tanto autonómicas como nacionais. En outubro e novembro pasarán polas aulas do Máster Javier Pérez de Silva, socio fundador de La Competencia; Víctor López, creador de marcas de entretemento como Jelly Jamm e Pocoyó; Manuel Cristóbal, produtor executivo de Noise Box Entertainment; Pepe Coira, guionista e produtor executivo de series de ficción e documentais; Manolo González, pioneiro na xestión das axudas públicas ao audiovisual galego e promotor de proxectos como Flocos.TV e Cliphistoria; e Alberto Guntín,director de desenvolvemento de Voz Audiovisual.

As clases presenciais impártense de luns a venres, de 09:30h a 13:30h e de 15:00h a 18:00h. Para complementar esta formación teórica, en xuño os alumnos realizan un mínimo de 2 meses de prácticas remuneradas en produtoras autonómicas e nacionais.

Categoría: Noticias
Etiquetas: