O XORNALISTA CAMILO FRANCO LERÁ O MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO NOS XVIII PREMIOS MARÍA CASARES

19 / 03 / 2014

Camilo Franco, xornalista e crítico, será o encargado de redactar e ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a cerimonia dos XVIII Premios María Casares. Deste xeito, o escritor subirá o próximo xoves 27 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto, no que se destacará a relevancia das artes escénicas no desenvolvemento social e cultural do país.

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia escolle este ano a Camilo Franco como compañeiro de viaxe polo seu traballo na visibilidade da escena do país. “O teatro precisa da información e da crítica. Hai un grupo de profesionais da comunicación que desenvolveron este traballo necesario. E escollemos a Camilo Franco como un representante claro desta función tan importante para nós”, destaca Avelino González, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

 

Deste xeito, o xornalista únese á lista de ilustres persoeiros que, nos últimos anos, redactaron o Manifesto do Teatro na gran festa da escena galega. O ano pasado o encargado fora o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), o poeta Cesáreo Sánchez e, na edición de 2012, o ex presidente da Real Academia Galega Xosé Luís Méndez Ferrín, quen leu o documento ante os centos de profesionais do gremio que, cada ano, acoden á cerimonia de entrega.

 

O mundo hoxe en día é totalmente teatral, polo que temos que atender e entender o teatro para solucionar os problemas do mundo”; asegura Camilo Franco, quen engade que “na escena temos un espello para decatarnos de que somos moi malos: querémonos mal e matámonos moi ben”. Dadas as circunstancias da actualidade, “o teatro debe poñer o mundo a andar”.

 

Con estas premisas, Camilo Franco lerá o manifesto na cerimonia duns María Casares nos que colaboran diversas entidades e institucións, demostrando a relevancia pública e social do sector teatral. Este ano, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, GADISA ou o Padroado de Cultura do Concello de Narón implícanse nos Premios María Casares co seu apoio.

 

 

 

 

PERFIL CAMILO FRANCO

 

Nacido en Ourense en 1963, Camilo Franco conta cunha longa traxectoria vencellada ao xornalismo cultural, centrada especialmente na difusión e promoción da realidade teatral. O seu traballo en diversos medios, como La Voz de Galicia e Radio Galega, serviu de ponte entre o público e os profesionais do sector grazas a súa dedicación informativa e o seu oficio como crítico teatral.

 

No eido literario, Camilo Franco tamén destacou con diversas obras e experiencias singulares. Nesta faceta de escritor realizou unha actividade literaria pioneira na rede a través do portal Vieiros baixo o título Por conto alleo. Durante cincuenta días, os lectores do desaparecido web enviaban cada día unha serie de palabras coas que o escritor elaboraba un relato. Todos eles recolléronse nun libro editado por Galaxia e titulado como o propio experimento virtual.

 

Antes desa iniciativa de comezos dos anos 2000, Camilo Franco xa publicara obras narrativas como A lúa no cénit e outros textos (Ediciós do Castro, 1988) ou En malos pasos (Xerais, 1995). Nos últimos anos, publicou tamén con Xerais Palabras contadas, libro que contaba cunha extensión artística, na que o autor -en compaña do músico Magín Blanco- percorría locais nunha sorte de recital poético e musical. En 2011, coincidindo coas eleccións municipais, lanzou Balada triste de moqueta (Nócomún), unha sátira sobre o que hai por riba e por baixo das alfombras dos despachos políticos.

 

Camilo Franco tamén publicou as obras ensaísticas Ribadavia (Ir Indo, 1993) e Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (Biblos Clube, 2012). Como escritor, a súa sinatura aparece nos libros colectivos Unha liña no ceo (Xerais, 1996), Narradio: 56 historias no ar (Xerais, 2003) e Níxer (Xerais, 2010).

 

Na actualidade, podemos escoitar os seus comentarios e as súas críticas teatrais no programa Diario Cultural da Radio Galega.

Categoría: Noticias
Etiquetas: