O Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa continúa co ciclo de cine “Terror en Serie (B)” xoias de baixo presuposto coa proxección de Carnaval of Souls mañá, 25 de abril ás 20.00h. A entrada é libre ata completar aforo.
O cine de serie B é un pequeno reduto cinematográfico onde a imaxinación e o talento suplen a falta de presuposto. A necesidade agudiza o enxeño, e o que posúen películas como as deste ciclo é superior á maioría das súas irmás maiores. Dentro do cine de terror, a serie B fixo da suxestión e a elipse unha das belas artes, e o grao de liberdade creativa alcanza cotas inimaxinables no cine de gran presuposto. Dende a Obra Mestra de Edgar G. Ulmer Detour ata a pequena xoia de Ti West, enfant terrible do terror contemporáneo, The house of the devil, percorreremos entre calafríos unha das parcelas máis apaixonantes da Historia do Cine.
25 de abril de 2013, ás 20.00 horas
Carnival of Souls (1962) Herk Harvey
Herk Harvey dedicárase a rodar documentais ata que encontrou unha fantasmagórica localización, unha construción abandonada utilizada para festexos de feira, que lle inspirou esta historia que se convertería nunha das iconas principais do terror de culto. O carnaval das almas é un escuro e sutil relato de fantasmas producido e dirixido por Harvey por 33.000 $. Cineastas como David Lynch ou George A. Romero citaron a súa influencia. O negativo orixinal en 35 mm está depositado no arquivo da George Eastman House.