Falamos con Xisela Franco, xurado dos V Premios María Luz Morales

24 / 06 / 2021

A cineasta, documentalista e docente Xisela Franco forma parte do xurado dos Premios María Luz Morales que chegan este ano á súa quinta edición.  Non separa as súas facetas de creadora e docente “son cineasta, interésame a imaxe en movemento, capturala, cosela; traballar con paisaxes, persoas; esculpilas, construilas, aprender a través delas. A docencia é unha prolongación desa necesidade de coñecemento e de expresión.  Estou nunha facultade de Belas Artes onde a liberdade é a condición de partida e non hai que explicar que o cinema é arte. Adoro estar con xente nova e conectar con eles, axudarlles a atopar a súa voz, recibir a súa frescura”.

Falamos con ela sobre a súa experiencia como xurado que, de partida, define como “unha marabilla”. 

As convocatorias de premios de ensaio escrito son habituais, pero non sucede así co videoensaio, como valoras esa categoría?

Paréceme unha proposta fantástica que desprega un camiño interesante e prolífico, o do cine ensaio ou videoensaio, no que hai moito por explorar. Ábrense camiños para o cinema documental contemporáneo, por exemplo no campo dos xéneros do eu, ou do apropiacionismo. 

Que opinión che merecen os premios á hora de incentivar a produción de materiais académicos, coidas que hai outras fórmulas máis axeitadas?

Nos dous premios de ensaio audiovisual penso que a proposta que mellor acollida ten entre o xurado é a das obras creativas, que se alonxan dunha visión convencional divulgativa para valorar o xénero desde a experimentalidade e a poesía audiovisual. Valórase a exploración fílmica. Nos premios escritos tamén se valora a innovación e o risco, a poética do texto. O coñecemento subxectivo, ese do cinema ensaio é máis artístico que académico e velaí reside o seu valor.  Non interesan as reportaxes televisivas.

Como pensas que poderían mellorar os María Luz Morales?

No caso das películas presentadas, penso que invitaría a participar máis xente sendo máis inclusivos na explicación das propias bases, ampliando o concepto de ensaio audiovisual para que se entenda que hai moitas maneiras de falar con imaxes e sons sobre cinema galego ou internacional, mentras sexa combinando reflexión e a poesía desde esa subxectividade no análise que permite o ensaio. Habería que explicar con énfase nas bases que as persoas participantes poden achegarse á análise formalmente desde unha visión máis experimental, etnográfica, ou autobiográfica. Invitar a que entre un traballo que toque a temática do audiovisual en calquera das súas infinitas aproximacións. Nas películas de metraxe atopado, explicar que non teñan medo a servirse de imaxes roubadas doutras películas, porque o contexto dos premios permite esa licenza. Nas bases pídese que se sexa posuidor dos dereitos, tímidamente dise que se acolla á cita, en calquera caso pode xenerar dúbidas. Por exemplo parece que se responsabiliza ao autor de que asuma a súa responsabilidade de  arriscarse só no uso de imaxes de películas da historia do cinema para as que evidentemente non vai ter dereitos, pois esa é a propia liña que os premios queren propiciar.  Por outro lado, a idea do academicismo tamén hai que poñela en cuestión. O cinema ensaio máis interesante precisamente móvese alonxado da reportaxe científica divulgativa para plantexar o poético como subxectividade válida tamén para a análise dun determinado estudo. A arte é tamén unha maneira de coñecer aceptada na academia. O coñecemento artístico é o eixo principal por exemplo nunha facultade de Belas Artes.

«A arte é tamén unha maneira de coñecer aceptada na academia. O coñecemento artístico é o eixo principal por exemplo nunha facultade de Belas Artes».

Xisela Franco. Cineasta, documentalista e docente.

Ademáis de ser xurado dos María Luz, podes contarnos en que outros proxectos estás a traballar?

Veño de facer un programa co Festival S8 con películas de alumnas de Belas Artes titulado Quen son? Auto-etnografías fílmicas de artista. Este mes estou en conta atrás facendo unha peza sobre Margarita Ledo convidada polo colectivo de comisarios que fan Performa (Mónica Maneiro, Iñaqui MArtinez Antelo e David Barro) para unha exposición, pero esa peza levoume a facer unha curta, por certo un film ensaio, sobre a propia Margarita, á que adoro.  Estou levitando en bucle de traballo, longas noites cose que te cose coa montaxe. Un ano máis estou preparando con Ángel Sánchez do festival PlayDoc un comisariado de documental expandido na rúa, para ser proxectado en Tui como o que fixemos o ano pasado. Foi unha marabillosa  experiencia titulada Cinema-precorridos, noite a deriva. Se engadimos que estamos nos últimos días de entregas do alumnado, correccións e titorías na facultade, pois non teño outra vida que currar, e integrar a miña familia no estrés desta xincana.  

Cal é a parte que menos che gusta desa voráxine?

O que máis me esgota é a precariedade xeralizada que lle tocou á miña xeración. Son profesora asociada, vértice da precariedade na universidade. Á súa vez, vivir de facer as miñas pelis artísticas é complicado, e fago moitas encargas para poder despois traballar nasmiñas propias cousas . Ao final aprendo de todo. Pero vivo nun continuo estado de traballo multitarefa que non cesa de día nin de noite…

Como asociada da Academia, que outras iniciativas consideras que se poderían levar a cabo para promover e visibilizar o noso audiovisual?

Penso que é esencial un espazo para a produción, onde poidamos alquilar a moi baixo custe material, que haxa  unha sala profesional de montaxe, de son, laboratorio de revelado para cinema. Un espazo para todas e todos. Coller o modelo de LIFT en Toronto e  facer algo así aquí, unha cooperativa de artistas-cineastas onde poder traballar e compartir, facer cursos. Eu estaría encantada de formar parte dese proxecto. Tamén se precisa unha axencia de distribución dos nosos traballos, temos modelos aos que mirar fora. Penso que as Institucións, a Xunta, teñen que comprender de verdade a importancia do audiovisual en Galicia, apostar de verdade sen titubear, entendelo como algo que nos define. Por exemplo facer en pequeno unha iniciativa coma a do NFB canadense. Vivín catro anos en Canadá e estou vinculada a ese lugar, por iso sempre que alí flipaba con algo escalable a Galicia me parecía boa idea traelo aquí. Como soño persoal quixera de novo  montar unha escola de cinema na liña do Novo Cinema Galego, fixemos un proxecto así hai algúns anos, a escola 35ESAV en Vigo, pero non terminou de saír porque eran cinco itinerarios de estudo (mestrados en fotografía tamén) e penso que habería que volver a intentalo aprendendo dos erros.  Foi unha aprendizaxe inmensa, dous anos de traballo tolo que quero pensar que me serviron de moito. Chegamos a montar a escola, arranxar o espazo que era inmenso, incluso  facer cursos, masterclasses,  pero tivemos que abortar o proxecto porque algún dos mestrados non tiña alumnado e a inversión no espazo era enorme.  Era una cooperativa de oito socios pero fomos moi ambiciosos. As cousas ás veces non saen. Coido que o que eu dirixía, Mestrado en cinema e creación audiovisual, podería ter saído adiante, era no que había máis interese e alumnado inscrito e o proxecto era único, integrando a una tritena de profesionais talentosos do noso cinema. Hai tanto por facer!

«Como soño persoal quixera de novo montar unha escola de cinema na liña do Novo Cinema Galego».

Xisela Franco. Cineasta, documentalista e docente.

Os premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual organízanse co apoio de Deputación da Coruña, Deputación de Lugo, Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales. Contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

Fotografía: Mar Caldas

Etiquetas: