XAN CEJUDO, PREMIO DE HONRA MARISA SOTO 2011 DA AAAG

10 / 03 / 2011

O actor Xan Cejudo é o novo Premio de Honra Marisa Soto, galardón outorgado pola  Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).  A decisión da Xunta Directiva da entidade quere recoñecer a longa traxectoria e a singular contribución de Xan Cejudo á profesionalización do teatro en Galicia.

O Premio de Honra Marisa Soto naceu no 1997 como galardón que distinguise a especial traxectoria de persoeiros no marco dos Premios de Teatro de María Casares. A cerimonia de entrega dos XV Premios María Casares será o vindeiro 23 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña  e será retransmitida pola TVG.

 

Antonio Durán “Morris”, presidente da AAAG, salienta que: “Xan Cejudo è unha persoa fundamental no desenvolvemento do teatro profesional en Galicia. O mundo da escena débelle moito, pois dedicouse profesionalmente a el case exclusivamente, como actor pero tamén como director, autor, axudante de dirección… Ademais, deixou un pouso técnico e intelectual, e influíu moito en distintos directores galegos”. Para «Morris», Cejudo «ca súa opinión inflúe e segue a influir na escena de hoxe. Volveu a Galicia o mesmo ano que se fundou o Centro Dramático Galego e, a partir dese ano, fixo 20 espectáculos co CDG». Morris e Xan Cejudo coincidiron no primeiro espectáculo do Centro Dramático Galego: «Woyzeck» (1984).

 

Casilda  Alfaro, actriz e vogal da Asociación de Actores, destaca: “Hai que resaltar a capacidade creativa e a xenerosidade artística de Xan. Se alguén representa ben esa máxima de que O TEATRO É UNHA ARTE COMPARTIDA ese é Xan Cejudo. Mestre de mestres”.

Os XV Premios María Casares contan coa colaboración, entre outros, de AGADIC, Concello da Coruña, Fundacion AISGE, Novacaixagalicia, GADISA, Concello de Ames, Cadena Ser e TVG.

 

 Traxectoria profesional e galardóns

 

Nado na Coruña en 1947, a carreira de Xan Cejudo comezou a mediados dos anos 60 no grupo de teatro O Facho. Durante todos estes anos, exerceu fundamentalmente como actor, autor e director.

 

Dende o 1984, con “Woyzeck,” colabora como actor co Centro Dramático Galego. A ela seguíronlle A “noite vai coma un río” (1986), “O mozo que chegou de lonxe” (1988), “O incerto señor don Hamlet” (1991), “Leoncio e Helena” (1993), “A fiestra valdeira” (1994), “O Mariscal” (1994), “Nin me abandonarás nunca” (1995), “Viaxe e fin de don Frontán” (1995), “Nau de amores” (1995), “Hostia” (1996), “Xelmírez ou a gloria de Compostela” (1999), “Se ou vello Simbad volvese ás illas” (1999), “Rosalía” (2001), “O ano do cometa” (2004), “Seis personaxes á procura de autor” (2005) e “Illa Reunión” (2006).

 

Tamén dirixiu para o CDG “A Pousadeira” (1987), “Da Vinci levaba razón” (1987) e “A burla do galo” (2000).

 

Como director de escena, tamén dirixiu máis dunha vintena de pezas, entre as que destacan, ademais das xa mencionadas, “Códice clandestino” (1989), de Quico Cadaval para a compañía O Moucho Clerc, pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director; “Na fraga do conde”; e “Galimatías”, coa mesma compañía.

 

Ademais, como actor de teatro participou en numerosos espectáculos de compañías como Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro e na produción “Truenos y Misterios” (Matarile Teatro, 2007), creada e dirixida por Ana Vallés. Pero foi o seu papel protagonista en “Tío Vania” (Factoría Teatro, 2005) de Antón Chejov, baixo a dirección de Cristina Domínguez, co que acadou o Premio María Casares 2006 ao Mellor Actor. No 2008 recibiu o Premio María Casares ao Mellor Actor secundario polo seu traballo en “Noite de Reis, ou o que queirades” do Centro Dramático Galego.

 

No 2010 participa como actor no espectáculo «Cerrado por aburrimento»  coa compañía Matarile Teatro.

 

No audiovisual, Xan Cejudo tamén amosou o seu talento en diversas longametraxes e series de televisión, galegas (Pratos Combinados, Mareas Vivas, Rías Baixas, Galicia Express, As leis de Celavella) e españolas (El Comisario, Periodistas, Policías, Cuéntame) .

 

Foi actor e guionista en longametraxes como “Morrer no mar” de Alfredo Rabuñal; “Coxo” de X. Zapata; “El río tiene manos” de Beatriz del Monte; “Mofa e Befa: grande liquidación” e “El Matachín” de Jorge Coira; “Unha extraña mirada” de J. L. Quiroga; “A todo tren” de Lidia Mosquera; “Se o sei non veño” de P. Pazos; ou “El pianista” de Mario Gas. Con Carlos Soler traballou en “O párroco enmbaucado”,  “Tornabón” e “O ferreiro paspallás”. En setembro do 2010, obtivo o premio á Mellor Interpretación Masculina no Festival de Cine Social de Castilla-La Mancha, polo seu traballo na curta “Dies Dei” de Nani Matos.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: