VÍCTOR LÓPEZ, CEO DE VODKA CAPITAL, FALARÁ DE BRAND ENTERTAINMENT NO MPXA

4 / 11 / 2014

Víctor López, director xeral e socio fundador de Vodka Capital, impartirá o vindeiro xoves 6 de novembro un módulo sobre novos media e modelos de financiamento no Máster en Produción e Xestión Audiovisual, título propio da Universidade da Coruña que organiza a Fundación Santiago Rey FernándezLatorre.

O CEO de Vodka Capital, que ademais é un dos creadores de Pocoyó, falará de proxectos transmedia a través do caso de Bugsted, o seu proxecto multiplataforma. Amosará tamén aos alumnos as diferentes ventás de explotación dos contidos audiovisuais; analizará o fenómeno do brand entertainment e o licensing; e falará da influencia dos novos dispositivos, o uso da “ second screen” ou as redes sociais.

López foi socio fundador de varias empresas do sector audiovisual e produtoras de espazos de entretemento como Zinkia Entertainment e Secuoya. Dende 2008 é director xeral de Vodka Capital, compañía dedicada a crear, financiar e xestionar contidos e marcas de entretemento. As series de televisión Jelly Jamm e Faster, marca persoal de Fernando Alonso, son algúns dos produtos desenvolvidos por esta empresa. O seu último proxecto é Pirata & Capitano, que presentaron no Cartoon Forum 2014.

Categoría: Noticias
Etiquetas: