VI Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual

7 / 07 / 2022

Lara Bacelo, Eire García Cid, Severiano Casalderrey e Manuel Barreiro son os gañadores da sexta edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. O traballo Antón Varela obtivo un accésit na categoría de Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Internacional.

A Academia Galega do Audiovisual celebrou hoxe, xoves 7 de xullo, na sede da Deputación de Lugo, a entrega de premios da sexta edición dosMaría Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual.

Álvaro Pérez Becerra presentou o acto en representación da Academia Galega do Audiovisual

A Deputación da Lugo foi a anfitrioa na celebración desta sexta edición, e estivo representada pola súa vicepresidenta Tareixa Antía Ferreiro Tallón. Contou coa presenza de Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Patricia Torres Madureira, Deputada de Cultura e Producións Audiovisuais da Deputación de Ourense e María Victoria Alonso, Deputada de cultura e igualdade da Deputación de Pontevedra. A Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora dos premios, estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra e o vicepresidente Pepe Coira

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega. Levan o nome da escritora e xornalista María Luz Morales, e distinguen cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos. Como novidade da presente edición, a Academia inicia unha colaboración coa revista de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, que publicará os traballos gañadores.

O presidente da Academia xunto a Patricia Torres Madureira, Tareixa Antía Ferreiro Tallón, Xurxo Couto e María Victoria Alonso.

O xurado formado polo crítico e programador Víctor Paz, a produtora e docente Beli Martínez e a investigadora e xornalista Silvia Roca outorgou catro premios e un accésit. 

Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego: 

O traballo premiado foi Mamasunción. Na xénese dun novo cinema galego de Manuel Barreiro.

O xurado destacou “a coidada aproximación ao contexto de creación da curtametraxe de Chano Piñeiro e o tecido dunha reflexión que transita pola proposta discursiva e formal da peza para analizar á súa pegada na actualidade do cinema galego». 

Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional:

O traballo premiado foi A asimilación do «fantástico» nas prácticas da Escuela Oficial de Cinematografía (EOC) de Severiano Casalderrey.

En palabras do xurado “Cando se fai un repaso histórico ou se cita o traballo dunha escola ou un movemento cinematográfico normalmente limítanse o número de obras e creadores a aquelas referenciais, quedando esquecidos un número significante de traballos que tamén impulsaron esas cinematografías. Este ensaio reivindica e asume unha importante misión:  visibilizar uns traballos en torno a un xénero en auxe, como o é o fantástico, explorados por unha escola pioneira e inspiradora para o cinema feito no estado español como foi a Escuela Oficial de Cinematografía. Este riguroso ensaio demanda o estudo daquelas obras “menores” e que abren camiños á investigación e á historia  do cinema e que pode asentar e teorizar as bases do cinema fantástico feito en España.”

Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego:     
       
O traballo premiado foi Sobrevivir ao tempo (unha mirada sobre Vikingland) de Lara Bacelo.

O xurado salientou que se trata dunha “certeira crítica audiovisual de Vikingland, cun discurso claro, unha narración oral ben estruturada e unha montaxe respectuosa co filme orixinal. Ao tempo que resume con concreción os temas e recursos estilísticos da fita xa apuntados en diversos estudos escritos, achega un valor engadido ao relacionar estas ideas coas imaxes da obra e incluír unha aproximación íntima á percepción da mesma”.

Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional: 

O traballo premiado foi Aileen Wuornos presenta: mulleres violentas da posmodernidade cinematográfica de Eire García Cid.

En palabras das persoas integrantes do xurado “pola súa agudeza na análise crítica da representación da(s) muller(es) violenta(s) ao abeiro da teoría fílmica feminista e pola maneira na que esta se articula,  nunha conseguida peza audiovisual, moi ben fiada tanto no aspecto discursivo, como no visual e o sonoro, que engaiola, divulga e revolve, e sementa en quen a mira o desexo de afondar na temática que aborda».

O xurado quiso distinguir cun accésit a O mundo de Norman de Antón Varela. “Un ensaio pensado e traballado dende a imaxe que, identificando constantes na obra do realizador experimental Norman McLaren, permite divulgar o seu cinema cun discurso accesible. Moi ben editado e investigado”.

Manuel Barreiro asistiu á entrega de premios e lembrou, no seu discurso de agradecemento, a necesidade de pensar o audiovisual galego desde dentro. O resto de persoas galardoadas, enviaron palabras de agradecemento que foron lidas por Pepe Coira, Marisela Lens e Miriam Rodríguez, da Academia Galega do Audiovisual, que recolleron os galardóns no nome destas.

Os premios contan co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.

Fotografías: Aigi Boga

Etiquetas: