VALLE INCLÁN, HOMENAXEADO NO CGAI ESTA FIN DE SEMANA

25 / 11 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe homenaxea mañá sábado 26 de novembro (18.00 horas) a figura do literato Ramón María del Valle-Inclán no 75 aniversario do seu pasamento, falecido uns meses antes do inicio da guerra civil, coa proxección dun dos filmes máis consistentes inspirados na súa obra literaria, Sonatas (1959) de Juan Antonio Bardem, prolegómeno dunha serie de títulos que programaremos durante o 2012. A entrada é gratuíta.   

SONATAS    
(España-México, 1959)
Dirección e guión: Juan Antonio Bardem, sobre Sonata de Estío e Sonata de Otoño de Ramón María del Valle-Inclán. Produción: UNINCI e Producciones Barbachano Ponce. Fotografía: Cecilio Paniagua e Gabriel Figueroa. Intérpretes: Aurora Bautista, María Félix, Francisco Rabal, Fernando Rey. Duración: 105 minutos.  
Coprodución hispano-mexicana que adapta dúas das Sonatas de Valle-Inclán, logo de descartar Bardem unha versión de Tirano Banderas. A historia dun marqués de Bradomín en medio de disputas políticas, históricas e amorosas aparece influida polas derivas do neorrealismo italiano (o Visconti de Senso). Bardem superpón unha historia política en dous espazos: a España de 1824 (inclúe a presenza da tradición cultural galega e parte do seu repertorio etnográfico-mítico) e o México da década seguinte. Seleccionada no Festival de Venecia 1959.     

Categoría: Noticias
Etiquetas: