V TELEVISIÓN COMEZA A EMITIR O 30 DE MAIO

25 / 05 / 2010

V Televisión, a TDT autonómica da Corporación Voz de Galicia, comezará as súas emisións o vindeiro domingo 30 de maio e farao cun programa especial de presentación e cunha das súas grandes apostas: a aclamada serie estadounidense The Wire, que se emitirá en aberto por primeira vez en España.

A programación da nova canle, que emitirá en galego e en castelán e poderá sintonizarse a través de TDT e de R, arrincará cun espazo en prime time no que se repasarán as claves da súa oferta televisiva: información en tempo real, grandes producións internacionais, audiovisual feito en Galicia e novas tecnoloxías. A este programa seguirá a emisión dos dous primeiros capítulos da primeira tempada de The Wire, unha produción da cadea norteamericana HBO que está considerada como unha das mellores ficcións realizadas ata o momento e que retrata de forma realista e moi humana a loita contra a delincuencia e a corrupción na cidade de Baltimore.

A emisión desta produción, que foi aclamada polo público e a crítica en Estados Unidos, non será a única colaboración de V Televisión con HBO. A canle galega asociouse con este xigante da industria norteamericana, propiedade de Time Warner, para emitir durante o 2010 e o 2011 contidos de ficción, un acordo similar ao alcanzado coa tamén estadounidense Discovery Channel, que ofrecerá algúns dos documentais máis destacados da súa oferta temática aos espectadores de V Televisión.

Categoría: Noticias
Etiquetas: