UN MUSICAL DE CABARET CONDUCIDO POR MONCHO BORRAJO, MARÍA CASTRO, SONIA LÓPEZ E MONTI CASTIÑEIRAS CENTRAN A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO 04

18 / 03 / 2005

Moncho Borrajo, Sonia López, María Castro e Monti Castiñeiras, serán os profesionais que conduzan o “Musical de cabaret” que constitúe o espectáculo da Gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 04, que ten lugar o domingo 20 de marzo ás 22,30 da noite, no Teatro-Sala de Concertos de Caixanova en Vigo, antigo García Barbón, e que será retransmitida en directo pola TVG.
UN MUSICAL DE CABARET CONDUCIDO POR MONCHO BORRAJO, MARÍA CASTRO, SONIA LÓPEZ E MONTI CASTIÑEIRAS CENTRAN A GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO 04

Están tamén decididos xa os Premios Especiais que outorga a Academia

Venres 18 marzo 2005.- Moncho Borrajo, Sonia López, María Castro e Monti Castiñeiras, serán os profesionais que conduzan o Musical de cabaret que constitúe o espectáculo da Gala de entrega dos Premios Mestre Mateo 04, que ten lugar o domingo 20 de marzo ás 22,30 da noite, no Teatro-Sala de Concertos de Caixanova en Vigo, antigo García Barbón, e que será retransmitida en directo pola TVG.

Esta será a III Edición dos Premios Mestre Mateo dende que a Academia Galega do Audiovisual asumíu no ano 2002 a producción e dirección destes premios audiovisuais galegos. Con anterioridade, recibiran o nome de Premios Chano Piñeiro (no 2001), e durante 4 edicións anteriores, Premios Agapi.

Por primeira vez en toda a historia dos Premios do Audiovisual galego, celebraranse na cidade de Vigo, unha decisión que veu dada pola demanda dos propios académicos de realizar este importante evento na zona sur de Galicia, e polo apoio e boa acollida que dende este concello se fixo. Así o deron a coñecer esta tarde en rolda de prensa, Ángel de la Cruz –guionista-, director, autor e coordinador da Gala xunto con Mamen Quintas, xerente da Academia, presente tamén nesta rolda; estiveron ademais Anxo Quintanilla, director da TVG, Carlos Carballo, director de Programas da TVG, Moncho Borrajo, e o actor e actrices Monti Castiñeiras, María Castro e Sonia López, que presidiron a rolda.

Temática e reparto

A temática xeral desta Gala xirará en torno a un musical de Cabaret, conducido polos profesionais sinalados, e xunto ós que estarán outros moitos actores e actrices galegas que participarán ó longo do espectáculo bailando e protagonizando diversos sketchs humorísticos. Entre os nomes que atoparemos no escenario, estarán Camila Bossa, Marta Etura, Isabel Blanco, Carolina Vázquez, Uxía Blanco, Mónica García, Yolanda Castaño, Teté Delgado, Antonio Durán “Morris”, Alfonso Agra, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Federico Rei. Salientar tamén que os 8 números musicais de que se compón esta Gala, estarán interpretados tanto musical coma coreograficamente, polos propios actores.

A idea

A idea orixinal de acometer esta Gala con este formato, partíu dos responsables das últimas galas: a xerente da Academia, Mamen Quintas, e máis o guionista e director Ángel de la Cruz, que xa viñan baraxando a posibilidade de facer este formato hai anos.

Foi a partir de aí que un equipo de guionistas, coordinados por Ángel de la Cruz, elaborou un guión e as letras dos temas musicais, adaptando os textos ó idioma galego.

A Gala, igualmente, está dirixida por ámbolos profesionais, Ángel e Mamen, xunto cun amplo equipo de profesionais tanto da Academia Galega do Audiovisual como da Televisión de Galicia, que será quen a retransmita en riguroso directo.

O equipo

Pola Academia:

Marta Villar, Dirección de Arte
Tania Rodríguez, Axudante de dirección
Concha Fontenla, Productora
Ana López, Deseño de Vestiario
Ana Quintas e Alex Sampayo, Protocolo

Pola TVG:

Manuel Fedz.- Productor
Rubén García – Realizador
Pepe Campos, Xefe Iluminación
Bernardo Correa, Xefe Son
Hilario Pino, Xefe Producción

A organización conta cos patrocinios da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, o Concello de Vigo,Televisión de Galicia, Aisge e Caixanova. E como colaboradores, cóntase co Consorcio Audiovisual de Galicia, a SGAE, a Escola de Imaxe e Son de Vigo e as empresas galegas Spica e EPC-Ficción.

Os premios especiais
Este ano, os Premios Especiais da Academia, que decide a Xunta Directiva, serán entregados a: o Premio Fernando Rey ó Equipo Lupa, polo seu labor a prol do audiovisual na súa extensa traxectoria, e recollerá o premio o escritor Euloxio Ruibal; o Premio José Sellier será entregado á Escola de Imaxe e Son da Coruña, recollendo o premio o seu fundador Manolo González, así como os sucesivos directores da mesma Ángel Cordero e Pepe Barba. Este ano, o Premio Chano Piñeiro non quedará deserto, senón que será concedido ó propio Chano Piñeiro, sendo recollido pola súa viúva Mari Luz Montes, e levándose a cabo unha homenaxe ó cineasta no décimo cabodano do seu falecemento.

Etiquetas: