TVG ASINA O ACORDO CON CIRCOM PARA ORGANIZAR O CONGRESO DAS TELEVISIÓNS REXIONAIS EUROPEAS EN GALICIA

28 / 09 / 2012

O próximo Congreso Anual das Televisións Rexionais Europeas tomou forma de compromiso coa firma dun acordo de colaboración entre a Televisión de Galicia e Circom, a asociación de 260 televisións públicas de todo o continente, que se formalizou en Tirana, a capital de Albania. No acto participaron o presidente de Circom, o belga Jacques Briquemont, e o secretario xeral da entidade, o sueco Johan Linden, e pola parte galega fíxoo o director de Comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, que actualmente é vicepresidente de Circom. Tamén asistiu como anfitrión o director xeral da televisión pública albanesa, TVSH, Petrit Beci.

O documento establece que o Congreso terá lugar durante a próxima primaveira, concretamente entre os días 9 e 11 de maio, e recolle diversos aspectos técnicos da organización, incluída a gala de entrega dos galardóns Prix Circom ás mellores producións europeas de 2012. Previamente, os días 16 e 17 de novembro deste ano, celebrarase en Santiago de Compostela un cume á que están convocados os representantes de Circom nos 34 países nos que ten presenza a asociación actualmente, trala recente incorporación de Finlandia. O acto da firma ha ter lugar no marco da reunión trimestral do Comité Executivo da organización, e foi recollido polas cámaras da televisión pública de Albania. Circom defende o valor da televisión rexional na diversidade de Europa e promove a colaboración mutua entre canles, as coproducións e a formación. Entre setembro e outubro está organizando seminarios sobre xornalismo de investigación, sobre cobertura política e electoral, e sobre video-xornalismo e móbil-xornalismo.

Categoría: Noticias
Etiquetas: