TRES ESTUDANTES UNIVERSITARIOS ÚNENSE AO XURADO DE PRESELECCIÓN DE AMAL 2011

16 / 02 / 2011

Dous estudantes de Comunicación Audiovisual mais un estudante de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela  foron elixidos para formar parte do Xurado de Preselección de Amal 2011. Ariadna G. Chas, Gael Carballo Seara e Cristina Lliteras Llompart, foron seleccionados entre a vintena de aspirantes que se presentaron ao concurso convocado polo Festival Amal o pasado mes de decembro.

As súas funcións incluirán visionar e valorar todo o material audiovisual recibido, para escoller as películas que competirán dentro da Sección Oficial de Amal 2011.  Unha tarefa que desempeñarán xunto a recoñecidos profesionais do audiovisual galego, como a produtora e directora Chusi Riveira, o director do Festival Ghaleb Jaber Martínez, e outros membros da organización de Amal.

Unha experiencia inesquecible que para eles supón unha oportunidade de aprendizaxe tanto a nivel cinematográfico como a nivel cultural. Ademais, 2011 é un ano importante para o festival porque poderá indagar en como o colectivo cinematográfico árabe retrata os cambios sociais que acontecen agora mesmo. 

Para a dirección do Festival, esta iniciativa é unha estupenda  ocasión para escoitar as impresións e opinións dos máis novos, fomentar a pluralidade, e abrir novas vías de participación.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: