TODO LISTO PARA EL II FESTIVAL DE ANIMACIÓN ANIRMAU DE LALÍN

30 / 03 / 2012

Presentouse a programación do II Festival Didáctico de Cine de Animación Anirmau, que se celebrará na localidade pontevedresa de Lalín do 9 ao 14 de abril organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa. 156 traballos competirán nun evento que tamén inclúe diversas proxeccións fora de concurso, como a de Arrugas, que abrirá o festival, ou a de Persépolis, que o clausurará. Ademais, terán lugar un obradoiro de stop motion e dúas exposicións.

* FILME DE APERTURA: “ARRUGAS” (2011)

Sen dúbida, este filme será un dos principais atractivos do festival deste ano, xa que estamos a falar da gran triunfadora dos últimos Premios Goya. Trátase dun exemplo baseado na novela gráfica homónima de Paco Roca (Premio Nacional de Cómic 2008), e móvese na liña da animación para adultos, un campo cada vez máis presente na animación española.

SINOPSE DO FILME: Arrugas narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Emilio, que chega á residencia nun estado inicial de Alzheimer recibe a axuda de Miguel e outros compañeiros para non rematar na planta superior da residencia, o temido piso dos asistidos que é como chaman alí aos desafiuzados. O seu aloucado plan tingue de comedia e tenrura o pesado día a día da residencia porque aínda que para moitos as súas vidas acabaran, eles comezan unha nova.

DATOS DO CÓMIC: Arrugas basease na novela gráfica homónima de Paco Roca e publicada por Editions Delcourt. No ano 2008 obtivo o Premio Nacional do Cómic do Ministerio de Cultura e o premio Gran Guinigi á mellor historia longa no prestixioso Festival italiano de Lucca. Engurras tamén recibiu os máximos galardóns a mellor obra e mellor guión do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2008 e o Premio á mellor historieta española do Diario de Avisos de Tenerife 2008. Ademais de gañar o favor da crítica, tamén  logrou o do público, con máis de 35.000 exemplares vendidos dende a data da súa publicación por Astiberri en España, onde considerase como un dos máis importantes cómics dos últimos dez anos. En Francia seleccionouse pola asociación de críticos do cómic como un dos mellores vinte álbums editados no 2007 e está tamén publicada en Italia, Holanda, Finlandia e Xapón. Proximamente estarao en Alemaña.

“Practicamente non inventei nada. As anécdotas reais son tan boas que non podían superarse. Emilio [o protagonista] é o pai dun bo amigo meu […] Tamén coñecín a unha señora que se pasaba o día na fiestra crendo que viaxaba en tren e á que, para que comese, convencíana que a levaban ao vagón – comedor.” Paco Roca.

A banda deseñada e a animación gozan dunha interesante colaboración nos últimos anos, e tanto “Arrugas” como “Birdboy”, gañadora do Goya a mellor curtametraxe (filme en competición neste ANIRMAU), son boa proba disto. O produtor do filme sempre tivo moi claro o seu potencial, e non en van, fala da película como o “Persépole” español. Unha obra clave froito da mestura entre ambos medios.

Igualmente, os premios colleitados polo filme son extraordinarios. Entre os máis importantes, imos resumir os seguintes:

            * FESTIVAL DE SAN SEBASTIÁN 2011: Sección Oficial Competitiva

            * FESTIVAL DE GIJÓN 2011: Sección Oficial Competitiva

            * OSCAR 2012: Preseleccionada para Mellor Longametraxe de Animación

            * PREMIOS ANNIE 2012: Nominada a Mellor Longametraxe de Animación

            * ANIMA: BRUSSELS 2012: Premio do Público

            * CARTOON MOVIE 2012: Mellor Produtora do Ano

            * PREMIOS GOYA 2012:          – Mellor Longametraxe de Animación

                                                           – Mellor Guión Adaptado

 

Estamos claramente ante o fenómeno do ano no campo do cinema de animación. Servirá pois o filme como apertura do noso festival, e ademais contaremos coa presenza de dúas das persoas do equipo do filme: María Arochena (produtora) e Ángel de la Cruz (guionista) Sen lugar a dúbidas, a mellor maneira para empezar o noso festival.

* FILME DE CLAUSURA: “PERSEPOLIS” (2007)

Tendo “Arrugas” para o inicio, que mellor forma de rematar un festival que con “Persepolis”, unha das mellores propostas de animación da pasada década. Como dato curioso, o noso filme de remate xa foi no seu día proposta de apertura para a famosa SEMINCI, o Festival de Cinema de Valladolid. Posiblemente, moitos dos nosos asistentes xa visionaron o filme baseado nas nóvelas gráficas de Marjane Satrapi, pero sempre é unha oportunidade única poder facelo novamente na gran pantalla.

SINOPSE DO FILME: Persépolis é a conmovedora historia dunha moza que medra no Irán da Revolución Islámica. A través dos ollos de Marjane, unha precoz e aberta nena de nove anos, vemos as esperanzas dun pobo rotas ao tomar os fundamentalistas o poder, impoñendo o velo ás mulleres e encarcelando a miles de persoas. Intelixente e sen medo, engana aos “gardiáns sociais” e descobre o punk, Abba e Iron Maiden. Pero cando o seu tío é executado sen piedade e as bombas caen arredor de Teherán na guerra entre Irán e Irak, o medo diario que rodea a súa vida é palpable.

Outra cita obrigada do ANIRMAU’12 para o último día, dando paso a continuación aos premios do festival.

Como apéndice, e aproveitando a recente publicación na web da sección oficial do Festival de Cinema de Animación de Annecy, o máis importante do mundo nesta categoría, facemos unha breve reseña na súa comparativa co ANIRMAU. O festival celebrarase a principios do vindeiro mes de xuño. Tal como sucedía o pasado ano, un pequeno número de exemplos será exhibido con anterioridad no noso festival ANIRMAU. A lista para este ano sumaría oito traballos que serían os que seguen:


SECCIÓN DE CURTAMETRAXES

* AALTERATE (Francia – Holanda, 2011)

* AUDITION (Holanda, 2011)

* DAS HAUS (Alemaña, 2011)

* HISAB (Etiopía, 2011)

* SECOND HAND (Canadá, 2011)

SECCIÓN DE CURTAMETRAXES DE GRADUACIÓN

* 366 TAGE (Alemaña, 2011)

SECCIÓN DE FILMES EDUCATIVOS OU CIENTÍFICOS

* LE DROIT DE SUITE (Francia, 2011)

SECCIÓN DE FILMES PUBLICITARIOS

* CLOVER “WAY BETTER” (Sudáfrica, 2011)

Categoría: Noticias
Etiquetas: