- A Gala de entrega de premios ten prevista a súa celebración o vindeiro 27 de febreiro no Teatro Colón da Coruña.
- O guión do espectáculo correrá a cargo de Manolo Cortés.
- O 1 de febreiro daranse a coñecer as candidaturas finalistas en cada categoría.
O actor e director teatral ourensán Tito Asorey, e a actriz e monologuista coruñesa Lucía Veiga, serán as persoas encargadas de dirixir e presentar a Gala de entrega de premios dos XIX Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 27 de febreiro no Teatro Colón da Coruña.
Tito Asorey, que conta cunha dilatada carreira como director teatral, é tamén un rostro coñecido polos espectadores galegos, polas súas interpretacións en series como Fariña ou Serramoura. Considera complicado definirse cunha soa etiqueta “hai momentos nos que me sinto máis un director que actúa, e outros, un actor que dirixe. Aprendín moito de interpretación dirixindo, e aprendín moito de dirección actuando, así que non deixan de ser dúas caras da mesma moeda”.
Contará, na concepción da Gala, co guión de Manolo Cortés. Confesa que, no momento de elixir un guionista “non pensei en ningunha outra persoa que non fora el”. Un tándem que xa traballou en ocasións anteriores “xa nos imos coñecendo ben e comezamos a ter unha metodoloxía conxunta que nos funciona” e que promete un espectáculo “que sexa unha festa, unha celebración do noso audiovisual, que aporte optimismo e que nos axude a sentirnos conscientes e orgullosos do noso”, nun ano particularmete complicado para o sector da cultura.
“En épocas de crise, a cultura sempre é un dos eidos máis afectados, porque somos considerados prescindibles” opina Lucía Veiga, a presentadora da Gala “pero no 2020 dos confinamentos, do illamento, das distancias e dos peches, o único ao que nos puidemos aferrar para non murchar foi á cultura”. Para esta filóloga de formación, pero actriz e improvisadora de vocación “os Premios Mestre Mateo deben servir como recoñecemento e escaparate do esforzo do sector, como homenaxe ao traballo en condicións extremas e aos traballos que tiveron que parar, e como proba de que somos axentes imprescindibles da sociedade”.
Na actualidade Lucía Veiga é unha das presentadoras de Malicia Noticias, o noticiario diario de humor que emite TVG. Recoñecida polas súas dotes para a improvisación ”unha ferramenta que se leva posta” non descarta usala nos Mestre Mateo “nunca se sabe cando hai que sacala”. O evento será emitido, un ano máis, pola Televisión de Galicia e nel daranse a coñecer os profesionais e obras gañadores en cada una das 25 categorías.
A Academia Galega do Audiovisual organiza, un ano máis, os Premios Mestre Mateo grazas ao apoio das seguintes institucións: Concello da Coruña, Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC da Consellería de Cultura.
As candidaturas finalistas serán anunciadas o vindeiro 1 de febreiro, nun acto que dará o pistoletazo de saída a un mes de celebración do talento audiovisual galego.