SINIESTRO TOTAL ESTREA DOCUMENTAL EN PLAY-DOC

28 / 02 / 2008

Sesenta minutos de interesantes imaxes, inéditas na súa maioría, resumo os 25 anos da historia de Sinistro, mostrándonos fragmentos das súas múltiples xiras, concertos, gravacións de discos, rodaxes de videoclips, e dos seus momentos máis íntimos.
A banda viguesa e os holandeses The Rosenberg Trio serán os concertos estrela desta cuarta edición do festival

En decembro de 1981, Siniestro Total subía por primeira vez a un escenario no Colexio Salesianos de Vigo. 25 anos máis tarde a banda viguesa volveu ao lugar do ‘delito’ para ofrecer un concerto aniversario. Era o contexto idóneo para que o realizador Mikel Clemente preguntase aos membros do grupo pola súa evolución. Así nace o documental ‘Que parezca un accidente’.

Este documento único sobre a mítica banda viguesa poderá verse en Play-Doc o sábado 15 de marzo ás 20:30h e como guinda á estrea mundial da súa película ‘Que parezca un accidente’ Siniestro Total actuará en vivo e en directo esa mesma noite a partir das 00:30 na sala Metropol de Tui.

The Rosenberg Trío será outra das grandes propostas musicais desta cuarta edición do festival. Esta banda de ‘gipsy jazz’ herdeira do mítico Django Reinhardt deixou a súa pegada en grandes escenarios e festivais de todo o mundo- desde o Festival de Jazz de Montreal, o de Xapón, ou o Carnegie Hall en Nova York- e compartiron escenario con estrelas da talla de Stephane Grapelli,Jan Akkerman, Shirley Bassey, Luciano Pavarotti ou Randy Crawford entre outros. Agora poderémolos ver en directo tamén na sala Metropol de Tui o venres 14 de marzo. The Rosenberg Trio veñen acompañando ao documental ‘Jimmy Rosenberg, the father, the son the talent’

Como peche das actuacións musicais, desde Senegal, os músicos Cheikh Baye Fall e Jac Keita, creadores da banda sonora da película ‘Princesa de África’, actuarán na entrega de premios do domingo 16, que terá lugar no Teatro da área Panorámica de Tui, sede de Play-Doc.

Categoría: Noticias
Etiquetas: