SESIÓN ADICADA A NATHANIEL DORSKY NO CGAI

18 / 02 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta mañá martes día 19 (20.30 horas) e o mércores día 20 de febreiro (20.30 horas) dúas sesións dedicadas ao cineasta estadounidense Nathaniel Dorsky, ambas coa súa presenza (presentacion e coloquio co público). Dorsky, un cineasta  xa clásico da vangarda norteamericana, sorprendera na súa visita no ano 2011. Dúas sesións, a primeira inclúe tamén traballos da súa parella, Jerome Hiler, e un complemento –a presentación da tradución ao castelán feita por Miguel García e edición de Francisco Algarín do seu libro El cine de la devoción, publicado pola revista especializada Lumière para o que contamos cunha das sinaturas implicadas na revista, o crítico galego Miguel Blanco (mércores 20)– facilitan un par de encontros tan singulares como hipnóticos. A entrada é de balde. Martes 19 de febreiro (20.30 horas)

Sesión NATHANIEL DORSKY / JEROME HILER
(Estados Unidos, 1982-2011)
Hours for Jerome Part I (Nathaniel Dorsky, 1982).
Duración: 21 minutos.
Words of Mercury (Jerome Hiler, 2011). Duración: 25 minutos.
Hours for Jerome Part II (Nathaniel Dorsky, 1982).
Duración: 24 minutos.
Duración total: 70 minutos.
Regresa Nathaniel Dorsky, revelación do CGAI en 2011, un cineasta xa clásico da vangarda norteamericana, con dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e do silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, sempre nos somerxe nun universo exquisito e hipnótico. A poética da percepción da experiencia diaria vén acompañada nesta ocasión de traballos asinados pola súa parella, Jerome Hiler. En Words of Mercury (2011), Hiler crea unha serie de imaxes de profundidade hipnótica e espectral a partir dun estudo de variacións de superposición. En Hours for Jerome (1982), un dos seus primeiros traballos, Dorsky xera unha home movie elaborada desde unha observación prolongada e profunda do mundo, documentando momentos capturados na vida cotián do cineasta e mais o seu compañeiro e artellando unha linguaxe persoal de confidencias abertas.
 
Mércores 20 de febreiro (20.30 horas)
Sesión NATHANIEL DORSKY
(Estados Unidos, 2011-2012)
The Return (2011). Duración: 27 minutos.
August and After (2012). Duración: 18 minutos.  
April (2012). Duración: 26 minutos.
Duración total: 71 minutos.
Nesta segunda sesión dedicada a Nathaniel Dorsky contaremos coa súa presenza. Tres dos últimos traballos do autor: The return (2011), unha exploración do lado máis escuro do espectro fílmico, o negro, e a súa propia relación coa luz; August and after (2012), unha peza de ton elexíaco tributo a dous amigos falecidos, o cineasta George Kuchar e a actriz Carla Liss; April (2012), unha peza que amosa como a beleza pode xurdir dun período de tristeza. Presentaremos a tradución ao castelán feita por Miguel García, con edición de Francisco Algarín do libro de Dorsky, El cine de la devoción, publicado pola revista especializada Lumière. Así mesmo, poderemos escoitar as achegas do crítico galego Miguel Blanco, unha das sinaturas implicadas na revista.

Categoría: Noticias
Etiquetas: