SELECCIÓN DE O XIGANTE NO FESTIVAL DE CHICAGO

3 / 09 / 2013

A curtametraxe de animación O Xigante acaba de ser seleccionada a competición oficial en The Chicago International Children’s Film Festival, primeiro festival infantil no mundo recoñecido pola Academia de Hollywood para que as curtas gañadoras pasen a formar parte da lista de nomeadas ao Óscar. 

O Xigante foi seleccionada en máis de 50 festivais internacionais nos que conseguiu numerosos premios. Ademais de estar seleccionada en Chicago, nestes momentos tamén compite oficialmente no Festival ANIF’EST en Bucharest (Romanía), no Festival Rozafa de Tirana (Albania), en Filmets de Badalona e no Festival de Bueu que comeza hoxe.

Así mesmo, vén de alzarse co Premio do Público do Festival Comunicurtas do estado de Paraibas en Brasil.

O Xigante é unha curta producida por Abano Producións, produtora especializada en animación coa que obtivo o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual.

A curtametraxe foi realizada coa axuda do Concello de Ferrol, de Agadic (Xunta de Galicia) e do ICAA (Ministerio de Cultura).

Abano Producións acaba de finalizar unha nova longametraxe animada: A tropa de trapo na selva do arco da vella que será presentada en MipCom Junior de Cannes o próximo outubro.

Etiquetas: