Este número inclúe entrevistas con Carmelo Gómez, Celso Bugallo, Javier Rebollo e Ángel de la Cruz así como unha extensa crónica dos últimos festivais de cine celebrados en toda a Península.
Mañá, venres, sae á rúa o sétimo número da revista AG, editada polo Foro Galego do Audiovisual, coincidindo coa entrega dos Premios Chano Piñeiro. Este será, precisamente, un dos temas destacandos da revista, que tamén inclúe unha ampla reportaxe sobre a entrega das Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes celebrada na Coruña e na que houbo unha destacada presencia do sector audiovisual, como o actor Antonio Banderas e a súa dona Melanie Griffith. Así mesmo, a revista contén tamén outras dúas citas destacadas das últimas semanas organizadas polo propio Foro Galego do Audiovisual, como foron a presentación da película Pedro e o capitán e a conferencia do conselleiro delegado de Tele 5 Paolo Vasile.
A gran actividade do sector neste último trimestre do ano obrigou a ampliar o número de páxinas da publicación para dar cabida a todas as grandes citas. Así, nas seccións ‘Crónica de festivais’ e ‘Curtametraxes’ destacados críticos cinematográficos e enviados especiais de AG afondan nos principais certames celebrados en toda a península nestas últimas semanas.
Tamén se da conta de varias rodaxes e estreas de filmes galegos, coma o último de Ángel de la Cruz, Os mortos van ás présas cuxo director é un dos entrevistados, compartindo sección co músico José Mari Zabala, co director Javier Rebollo e cos actores Emilio Gutiérrez Caba, Celso Bugallo e Carmelo Gómez (quen pronto estreará un filme rodado en Galicia e coproducido por Continental).
Como é habitual, non faltan as colaboracións de prestixiosas firmas coma as dos profesores José María Folgar, Alberto Pena, Ángel Fernández-Albor ou Emilio Carlos García, de escritores como Miguel-Anxo Murado, Xosé Monteagudo, Riveiro Coello, Jaureguizar ou Enrique Acuña, e persoas relacionadas co sector como Óscar Suárez, David Castro, Martin Pawley ou David Rubín.
Axenda de cine
O último número do ano inclúe unha axenda de cine para o 2009 onde facer anotacións e comentarios sobre películas. Esta é a segunda vez que se edita un caderno deste tipo debido ao gran éxito que tivo o anterior. De ambos os dous distribuíronse 5.000 exemplares coa edición en galego da revista AG, aínda que a tirada total da publicación é de 8.000 exemplares, 3.000 deles en castelán destinados aos suscritores de fóra de Galicia.