ROBIN DOS BOSQUES O SÁBADO NO MACUF

31 / 10 / 2013

Este sábado, día 2 de novembro ás 18.00h terá lugar a proxección de Robin dos bosques dentro do ciclo de cine familiar do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (A Coruña). Entrada libre, aforamento limitado.

Robin dos bosques. Robin de Lockley regresa a Inglaterra tras combater contra os infieis nas Cruzadas, pero Juan sen Terra, o irmán do Rei Ricardo I, usurpou o trono e goberna como un tirano, polo que o nobre saxón decide refuxiarse no bosque de Sherwood e loitar contra el para devolverlle a coroa a Ricardo. Un verdadeiro cumio do cine de aventuras no que Errol Flynn se converte no mellor Robin Hood da historia do cine.

Ciclo de Cine Familiar. Este ciclo pretender recuperar o extraordinario hábito de acudir en familia ao cine, nuns tempos en que internet e as novas pantallas de ipads e tablets individualizaron o acto de compartir unha película. Nós reivindicamos que o cine debe verse en compañía e ás escuras, rodeado de estraños. Para iso, recuperaremos clásicos atemporais como «O mago de Oz», éxitos descomunais como «Os Goonies» ou «Superman» e novos fitos do cine infantil como «Onde viven os monstros» ou «Os mundos de Coraline». Un ciclo onde fomos moi esixentes ao facer a selección duns títulos que posúan valores universais e sobre todo unha gran calidade cinematográfica. Pensamos nos máis pequenos da casa, pero tamén nos maiores que os acompañarán. Grandes películas de hoxe e de sempre para gozar en familia.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: