O pasado venres chegaba ao seu fin en Barcelona a rodaxe da película para televisión “O ESPELLO”, unha produción galego-catalá que mestura o drama e o terror nunha historia protagonizada por un matrimonio en crise, interpretado por Leticia Dolera e Pedro Alonso. No reparto interveñen ademais Nuria Prims, Xosé M. Olveira “Pico” e Tamara Canosa. Producen Continental, Oberón Cinematográfica, TVC e TVG.
Trátase da primeira longametraxe que dirixe Alex Sampayo, director galego coñecido ate o de agora polas súas curtas e por ter dirixido diversos capítulos de series de televisión en Galicia. A película rodouse en localizacións catalás durante catro semanas.
“O Espello” comeza cando Sonia, unha rapaza que vive unha profunda crise no seu matrimonio, merca nunha subasta un vello espello que formaba parte dun hotel. Descubrirá que o espello non se limita a amosar o seu reflexo, senón que ademais amósalle unha das habitacións de aquel hotel. E algo máis: parécelle ver un atroz asasinato. A partir dese momento vai tentar descifrar se o que viu e real ou produto da súa imaxinación.
A película combina elementos sobrenaturais con outros cotiás, para acadar unha atmosfera inquietante e sutil na que se mestura o drama e o misterio. O guión é de Curro Royo e Juan Vicente Pozuelo (“El club de los suicidas”, “Trece badaladas”, “El arte de morir”, etc), a música é de Arturo Vaquero e Xabi Font e a produción executiva corre a cargo de Carmen de Miguel e Àngels Masclans.
“O Espello” é a segunda película da triloxía de tv movies de misterio producidas baixo o nome de “A Sombra do Misterio” tras “Ecos”, tamén coproducida con Oberón Cinematográfica. Continental reafirma así a súa aposta polo formato das películas para televisión, rebasando con esta a decena de tv movies producidas. A película, que conta coa axuda da Xunta de Galicia e o ICIC, será emitida nas cadeas autonómicas asociadas á FORTA.
Máis información:
Alberto Pereira, Telf. 655 811 714
www.continental-producciones.es
www.oberoncinematografica.com