PROXECCIÓN DE VÉRTIGO E PSICOSIS NO CGAI

7 / 03 / 2012

Continuamos coa recuperación de títulos clásicos restaurados en copias de calidade impecable co proxector 2K, servidor estándar DCP (Digital Cinema Package) de proxección dixital inaugurado o ano pasado. Desta vez dúas obras de referencia de Alfred Hitchcock, Vértigo (1958) e Psicosis (1960). Xoves 8 de marzo (18.15 e 20.45 horas)

VERTIGO / VÉRTIGO     
Alfred Hitchcock, 1958. Con James Stewart, Kim Novak, Barbara Bel Geddes. 128’.   
Un policía que padece vertixe, Scottie Ferguson, sofre a perda dun compañeiro nunha persecución. Detective do corpo de policía en San Francisco, Scottie vese obrigado a retirarse. Un antigo compañeiro de estudos encárgalle a vixilancia da súa muller, Madeleine, ofuscada cunha bisavoa, Carlota Valdés, morta un século antes. Scottie comeza a seguila, fascinado por ela. Un dos cumios da obra de Hitchcock puntuado pola sublime banda sonora de Bernard Herrman. Uso virtuoso do zoom, despregamento histórico do delirio da mirada e as posibilidades visuais na plasmación do persoal manierismo do artista británico, posúe unha fonte inesgotable de elementos e temas (a paixón amorosa, a identidade esluída, o dobre, a obsesión,…) con inspiradas e admirables sorpresas narrativas.  

Venres 9 de marzo (18.15 e 20.30 horas)
PSYCHO / PSICOSIS     
Alfred Hitchcock, 1960. Con Anthony Perkins, Janet Leigh, Vera Miles, John Gavin. 109’.  
Outro filme irrepetible de Hitchcock, que nesta época pasaba de obra mestra a obra mestra, é, sen dúbida, a peza máis coñecida da súa carreira. Unha administrativa, Marion, foxe cun bo feixe de cartos pertencentes á súa empresa. Vai dar ao Motel Bates, rexentado por Norman, un mozo tímido que coida dunha nai paralítica. O mozo e a irmá de Marion, ademais dun detective, tentan saber do seu paradoiro. Inspirada nunha novela de Robert Bloch, á súa vez baseada nos crimes reais do psicópata Ed Gein, é un dos filmes máis influíntes da historia, inspirador de secuelas, moitos plaxios e/ou homenaxes e máis unha versión de Gus Van Sant milimetrada plano por plano. Catro nominacións aos Oscar para un mostrario tanto de personaxes torturados e complexos coma das opcións expresivas do terror e do suspense.     

Categoría: Noticias
Etiquetas: