PROXECCIÓN DA PELÍCULA “UNA CARA CON ANGEL» NA ACADEMIA DE BELAS ARTES

15 / 01 / 2014

O vindeiro xoves día 16 proxectarase a película “Una cara con ángel” de Stanley Doen dentro do ciclo de cine París Cinematográfico organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. A sesión terá lugar no Salón de Actos da Academia de Belas Artes (praza do Pintor Álvarez de Sotomayor, 1) ás 19:30 horas. Entrada gratuíta ata completar aforo.

En Una cara con ángel concéntranse todos os trazos representativos do musical americano daqueles anos: unha estructura de comedia, unha historia presidida pola procura do amor, unha integración dos números cantados e bailados dentro da narración que dá vida ao filme e, sobre todo, un intento continuo de cegar ao espectador.

E, nesta ocasión todo iso atópase enmarcado no mundo parisino. Un Parides que posúe, desde o punto de vista norteamericano, dunha serie de trazos representativos: a beleza dunha cidade posuidora de monumentos sempre sorprendentes, a cultura e o pensamento como trazos dos seus intelectuais, o atractivo da súa moda e, por encima de todo, o amor como característica unida ás súas rúas.

O soporte de todos estes elementos será, nesta ocasión, Audrey Hepburn. A actriz atopábase iniciando a súa gran traxectoria profesional na que se inserirán obras tan recordadas como Vacacións en Roma, Sabrina, Guerra e Paz, Almorzo con diamantes, Charada, MyFair Lady ou Dous na estrada. E sabe resumir todos os trazos que apuntabamos anteriormente, destacando de xeito singular coa súa beleza realzada nesta ocasión cos vestidos deseñados por Hubert de Givenchy.

A música de Gershwin (unha vez máis) e as variadas coreografías son o vehículo para ofrecernos esta aproximación á capital francesa que reafirma todos os tópicos sobre a mesma e converteron a este filme nun dos exemplos máis singulares dos musicais parisinos.

Categoría: Noticias
Etiquetas: