O PRODUTOR EDMON ROCH IMPARTIRÁ UNHA CLASE MESTRA SOBRE ANIMACIÓN NA CORUÑA

5 / 11 / 2014

O produtor e fundador da compañía Ikiru Films, Edmon Roch, participará o vindeiro 19 de novembro, na Coruña, nun foro sobre as grandes producións cinematográficas en España, que organiza o Clúster Audiovisual Galego (Clag) en colaboración coa Fundación Averhó e o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA). Ese mesmo día, o produtor de éxitos coma “El Niño” ou “El Perfume. Historia de un asesino”, entre outros, tamén impartirá unha Máster Class sobre animación aos alumnos da Fundación Averhó. Esta iniciativa é a primeira actuación levada a cabo de maneira conxunta polo Clag e Averhó trala sinatura dun acordo de colaboración entre ambas entidades, o pasado mes de setembro, para promover a formación de excelencia e a integración laboral de persoas con mobilidade reducida no sector audiovisual.

Máster Class na Fundación Averhó

No marco da acción formativa “Programa Alta Especialización en Animación 3D” para a integración social das persoas con discapacidade da Fundación Averhó, Edmon Roch impartirá o mércores, día 19 de novembro, pola mañá, nas instalacións do CPAP Bergondo, empregadas habitualmente pola fundación para dar as súas clases, a Máster Class “’Tadeo Jones’, os logros da animación española” aos alumnos da segunda promoción do programa formativo da fundación.

Foro Clag-MPXA

En sesión de tarde, o fundador de Ikiru Films participará no Foro “As grandes producións en España. O éxito de ‘El Niño’”, que terá lugar ás 16.15 horas na sede do MPXA en Arteixo (Polígono de Sabón. Avda. de la Prensa, 84-85). Durante este encontro cos profesionais do sector audiovisual de Galicia e os alumnos do MPXA abordaranse diferentes aspectos relacionados coas grandes producións cinematográficas en España e coas coproducións internacionais no noso país.

Este foro, que conta ademais co apoio do Igape a través da súa liña de axudas aos clusters galegos, enmárcase no ciclo de xornadas e coloquios que vén desenvolvendo o Clag desde hai máis de dous anos, e que nesta edición conta coa colaboración do MPXA.

 

A asistencia ao foro é libre e gratuíta, previa inscrición, ata completar o aforo. Para asistir é necesario enviar o formulario de inscrición cuberto a comunicacion@clag.es antes do día 18 de novembro. O formulario de participación está dispoñible na web do Clag (www.clag.es).

Edmon Roch, produtor de éxitos cinematográficos

Edmon Roch posúe unha dilatada traxectoria profesional como produtor de obras audiovisuais. Recentemente participou como coprodutor de “Biutiful”, de Alejandro González Iñárritu (2010), e “Pope Joan”, de Sönke Wortmann (2009), e produciu “Lope”, de Andrucha Waddington (2010), “Bruc”, de Daniel Benmayor (2010), “Promoción Fantasma”, de Javier Ruiz Caldera (2012); “Las aventuras de Tadeo Jones”,de Enrique Gato (2012), “Séptimo”, de Patxi Amezcua (2013), e “El Niño”, de Daniel Monzón (2014). Nestes momentos traballa na longametraxe de animación “Capture the flag”, de Enrique Gato, e a secuela de “Las aventuras de Tadeo Jones”.

Ademais, a través da súa compañía, Ikiru Films, Edmon Roch foi o produtor delegado de “El Perfume. Historia de un asesino”, de Tom Tykwer (2006). E tras exercer como produtor e produtor executivo de “La luna en botella”, de Grojo (2007), produciu, escribiu e dirixiu “Garbo. El Espía”(2009), que obtivo o Goya ao Mellor Documental, o Gaudí ao Mellor Documental e Mellor Guión, e o “Giraldillo de Oro” á Mellor Película Documental Europea.

A carreira deste profesional no mundo da produción audiovisual remóntase a hai máis de dúas décadas. Entre os seus créditos están “Barcelona”, de Whit Stillman (1993); “El efecto mariposa”, de Fernando Colomo (1995); “Siete años en el Tibet”, de Jean-Jacques Annaud (onde exerceu de xefe de produción, 1997); e “The last days of disco”, de Whit Stillman (1998). Tamén foi o director de produción e produtor delegado da primeira e terceira entrega de “Las mentiras de Tulse Luper”, de Peter Greenaway (2002/04).

Edmon Roch exerceu ademais de director de produción da serie de Fernando Colomo “Famosos y Familia” para TVE (1999). Como guionista, escribiu o premiado mediametraxe documental “Away from the flock”, sobre o artista británico Damien Hirst (1994); “Tic Tac”, de Rosa Vergés (1997); “Smalls” para Immi Pictures (1998), e “Mia Sarah”, de Gustavo Ron (2006). Máis recentemente, publicou o libro “Películas Clave del Cine Bélico” (Ed. Ma Non Troppo, 2008).

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: