PRESENTACIÓN DAS SESIÓNS ESPECIAIS E A PELÍCULA DE CLAUSURA, ‘ANOS DESPOIS’, DE LAURA GÁRDOS VELO

4 / 10 / 2011

O Festival de Cine Internacional de Ourense segue a desvelar anacos da súa programación. Presentada xa a selección oficial, os ciclos temáticos e a película de inauguración (A voz durmida, de Benito Zambrano), quedan só por coñecer as sesións especiais (no Teatro Principal con entrada de balde) e a película de clausura, honra que lle corresponde a Anos despois, dirixida pola mexicana con raíces ourensás Laura Gárdos Velo.

Sesións especiais

Eduardo Barreiros, o Henry Ford español | Simón Casal
Teatro Principal, 15 de outubro, 20:00h. Entrada de balde.
Fundador da marca de motores e camións que leva o seu apelido, chegou a erixirse como o sexto empresario máis importante de Europa en 1964. Por aqueles anos case a metade dos camións que circulaban por España levaban o seu nome. Biopic da carreira profesional de Barreiros, posuidor dun imperio industrial con case 25.000 traballadores.

El perro azul. Vida e obra de Xaime Quessada| Yayo Quesada
Teatro Principal, 19 de outubro, 20:00h. Entrada de balde.

O director Yayo Quesada preséntanos a vida e obra do seu tío, Xaime Quessada. Pintor indiscutible do panorama galego, que acadou un merecido recoñecemento internacional. Artista multidisciplinar, absorbeu todos os movementos artísticos, dende o figurativo ao abstracto, pasando polo cubismo. O proxecto do filem foi presentado no 14OUFF.

20 anos de CGAI | VVAA

Tatro Principal, 21 de outubro, 20:00h. Entrada de balde.

O Centro Galego das Artes da Imaxe cumpre 20 anos, e celébrao proxectando no 16OUFF unha escolla de traballos de directores galegos: Finisterrae Galicia (Carlos Velo), Retorno a Tagen Ata (Eloy Lozano), Mamasunción (Chano Piñeiro), Viuda Gómez (Xavier Villaverde), Contar (Teo Manuel Abad) e O Matachín (Jorge Coira).

 

Película de Clausura

Anos despois | Laura Gárdos Velo.
Auditorio, 22 de outubro, 21:00h, entrada con convite.

Andrés dáse conta de que o seu avó Justino, a quen cría morto moitos anos atrás, está vivo. Justino vive en Galicia e non soubo da súa filla Clara, quen marchou a México durante o réxime franquista, afectada polas terribles consecuencias que a situación política provoca dentro do seu núcleo familiar. Rodada en Ourense, puidemos ver un adianto no 15OUFF.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: