Onte presentouse en Santiago de Compostela a oitava edición do Festival Internacional de Cinema Euroárabe Amal, que terá lugar do 23 ao 30 de Outubro na capital galega. O acto de presentación celebrouse na nova sede da Fundación Araguaney, situada en pleno corazón da zona vella da capital compostelá, sala onde tamén se proxectarán algunhas das películas que compiten dentro da Sección Oficial do Festival.
Ghaleb Jaber presentou a programación do Festival, que nesta nova edición conta cunha destacada presenza de mulleres cineastas. Tamén detallou a ampla oferta de actividades paralelas que se levarán a cabo nesta versión de Amal, entre as que se atopan o concurso de curtametraxes Amal Express, unha campaña informativa acerca da cultura árabe denominada Amal Informa que se desenvolverá en varios locais de ocio da zona vella da cidade, un Ciclo de Cinema Infantil, o concerto e masterclass de Fathy Salama ou os talleres de danza e cociña árabe.
Na presentación estiveron presentes D. Ghaleb Jaber, Director do Festival, D. Anxo Quintanilla, Director do Consorcio Audiovisual de Galicia, D. Ignacio Santos, Xerente do Xacobeo, Dna. Socorro García, Concelleira Delegada de Cultura e Tenente de Alcalde de Santiago, D. Juan Carlos Fernández Fasero, director de AGADIC e Dna. Montse Besada, Xefa de Produción Allea da TVG.