Premios Mestre Mateo

18 / 12 / 2008

Antes de que se constituíse a Academia Galega do Audiovisual, foi a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) quen se decidiu a organizar uns premios anuais, baixo o nome da propia asociación. Os premios Agapi celebráronse entre os anos 1996 e 2001. En 2002 os premios recibiron o nome do cineasta Chano Piñeiro, e foron organizados conxuntamente por Agapi e pola nova asociación de produtoras que se viña de constituír, Aega.

A Academia naceu en certa medida coma a entidade que mellor podería asumir a organización duns premios desta natureza, xa que nela participan, en pé de igualdade, os profesionais dos distintos gremios dentro do audiovisual. E, así, a partir de 2003 os Premios pasaron a ser os Mestre Mateo

«Os premios  Mestre Mateo supoñen unha serie de actividades que teñen como evento culminante unha gala retransmitida por televisión. Os premios teñen tanto de balance coma de promoción, son celebración e reivindicación de que no seo da sociedade galega existe un audiovisual activo»

Os membros da Academia escollen democraticamente aqueles traballos colectivos e individuais que lles parecen os mellores, de entre todos os realizados e presentados o ano anterior. A escolla faise en dúas fases. Nunha primeira votación participan a totalidade dos traballos presentados. A segunda e definitiva votación faise sobre os catro traballos que acadaran maior respaldo. Despois, un notario encárgase da facer o reconto das votacións emitidas polos académicos. Por último, os premios fanse públicos e entréganse durante unha gala, que se adoita celebrar en abril.

Os Premios Mestre Mateo son, pois, unha singular oportunidade para obter anualmente unha panorámica xeral do audiovisual galego desde a perspectiva dos académicos.

{morfeo 25}

Etiquetas: