XVI Premios Mestre Mateo

A XVI edición dos Premios Mestre Mateo celebrouse en 2018, recoñecendo o traballo dos profesionais do sector e das obras nas que participaron, nunha Gala celebrada o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera de A Coruña. Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveitaba, un ano máis, os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey e o Premio Especial José Sellier. Este ano as homenaxes foron para a actriz María Bouzas e para os vigueses Multicines Norte, tamén presentes en Santiago cos Multicines Compostela.

 

Presentación de candidaturas

O proceso comezou coa apertura do prazo de presentación de candidaturas de profesionais e produción na web da Academia Galega do Audiovisual. A apertura de inscricións era, un ano máis, o primeiro paso dun proceso de selección que contou con dúas roldas de votacións, a primeira para escoller as obras finalistas e a segunda para decidir as gañadoras en cada una das vintenove categorías

O prazo estivo aberto do 30 de outubro ata o 20 de novembro para obras galegas estreadas no ano 2017 e os profesionais que traballaron nos seus distintos aspectos técnicos e creativos.

Unha vez recibidas tódalas producións, a Academia constituíu a comisión encargada de revisar e avaliar os proxectos e profesionais presentados en cada categoría, co fin de comprobar se cumprían cos requisitos especificados nas bases dos premios. Esta comisión estivo formada pola directora Giselle Llanio (área de dirección), o realizador e director de fotografía Fon Cortizo (área de fotografía), o escritor audiovisual Víctor Grande (área de guión), a actriz Cristina Fuentes (área de interpretación), o postprodutor Xosé Miguel Figueiral (área de prostprodución), a produtora Aitana Vidal (área de produción) e director do festival de cine Anirmau, programador de curtas e docente Severiano Casalderrey (área de promoción).

O 14 de xaneiro de 2018 a comisión fixo pública unha listaxe provisional de candidaturas e abriuse o prazo de alegacións. A terceira e derradeira reunión da comisión valorou as alegacións presentadas e elaborou unha listaxe definitiva de obras e profesionais candidatos. A listaxe de candidaturas estivo conformada por 158 obras (7 longametraxes, 20 documentais, 7 series de televisión, 6 series web, 23 programas de televisión, 24 curtametraxes de imaxe real, 8 curtas de animación, 23 anuncios publicitarios e 36 videoclips), 152 produtoras e máis de 350 profesionais.

Entre o 17 de xaneiro e o 2 de febreiro estivo aberta a primeira rolda de votacións a través da plataforma on-line, onde os socios e socias puideron visionar e votar todos os traballos dispostos por categorías, outorgando catro, tres, dous e un punto nas vintecinco categorías.
 

Lectura de finalistas

Unha vez rematada a primeira rolda de votacións, o 7 de febreiro, ás 12:00 horas, tivo lugar a lectura de finalistas na sede da SGAE en Santiago de Compostela. No acto, a actriz María Mera e o actor Monti Castiñeiras acompañaron a Carlos Ares, Presidente da Academia no anuncio do nome dos finalistas da XVI edición dos Premios ante socias e socios, representantes dos medios de comunicación e outros profesionais do sector audiovisual galego.

 

Xuntanza de Finalistas

Un ano máis, a Xuntanza de Finalistas reuniu aos profesionais do sector para festexar as candidaturas aos Premios e facer a tradicional foto de familia. O encontro tivo lugar o 23 de febreiro na Domus da Coruña, rematado xa o prazo de votación para elixir aos gañadores da XIV edición.

Carlos Ares, Presidente da Academia, entregou o Premio Especial José Sellier a Multicines Norte, o cinema vigués especializado na proxección de películas e documentais de cine de autor, independente e en versión orixinal. O premio, que puña en valor o seu papel como “espazo de referencia para a cinefilia galega”, foi recollido pola actriz Marta Doviro, quen asistiu ao acto en representación dos galardoados.

A continuación, o Presidente da Academia deu a coñecer o Premio de Honra Fernando Rey que recoñecía o traballo da actriz María Bouzas, protagonista da telenovela El secreto de Puente Viejo. Co premio, a Academia quería “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”.

Durante o acto tamén se anunciou que Iolanda Muíños volvía a ser a encargada de conducir a entrega dos premios. Tanto os dous homenaxeados como a presentadora dedicaron unhas palabras aos máis de 100 asistentes a este encontro de celebración do audiovisual galego.

A celebración continuou no restaurante da Domus, onde tivo lugar un cóctel e se fixo entrega  aos presentes dos diplomas que os acreditaban como finalistas dos XVI Premios Mestre Mateo.

 

Montaxe

A montaxe dos elementos técnicos e de escenografía da Gala durou catro días, durante os que tamén se celebraron os ensaios co equipo artístico. Os traballos foron coordinados entre o persoal de Televisión de Galicia, encargados de transmitir o espectáculo en directo, o equipo de produción dos Premios e Marta Pazos, encargada da dirección da Gala.

O día da Gala tivo lugar o ensaio xeral das 16:00 ás 19:00 horas, coa presentadora, entregadores, colaboradores e bailarinas.

 

A Gala

As portas do Pazo da Ópera abríanse 19:00 horas para recibir aos primeiros finalistas convocados para as fotos de photocall. A partir de entón, e ata as 21:00 horas, hora de inicio do evento, caras coñecidas, actores, actrices, produtores, directores e outros profesionais do sector, así como institucións e empresas déronse cita durante os preliminares da festa do audiovisual galego coas súas mellores galas.

Iolanda Muíños foi a encargada, por segundo ano consecutivo, de conducir a Gala dos Mestre Mateo diante dos 1.400 convidados e convidadas do sector presentes no Pazo da Ópera e para o público da Televisión de Galicia, que emitiu o evento en directo a partir das dez da noite. A actriz estivo acompañada no escenario polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Unha Gala liderada por mulleres en todos os ámbitos, xa que os premios foron entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego.

Unha vez rematada a Gala, ofreceuse a tódolos convidados unha degustación de produtos da terra no hall do Pazo da Ópera.

 

Link a listado ganadores PMM18.
Link a listado finalistas PMM18.
Link a bases PMM18.