Proxeccións no CGAI dos gañadores dos Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual, grazas á colaboración con Centro Galego de Artes da Imaxe – CGAI, proxectou as obras da XII edición dos Premios Mestre Mateo do 13 ao 16 de maio. Nesta ocasión contouse coa presentación e posterior visionado das longametraxes finalistas e a gañadora, e as dúas curtametraxes que se fixeron co galardón nas súas respectivas categorías.
A programación para esta semana previa á festividade das Letras Galegas comezou o martes, día 13 de maio ás 20.30h coa curta de imaxe real galardoada nesta edición, “3-1=0”, de Olga Osorio e Juan Galiñanes en coprodución con Píxel Films, coa presenza dos dous primeiros para a presentación; e coa longametraxe finalista “El árbol magnético”, de Dos35 Producciones e Parox.
Para o día 14 de maio ás 20.30h programáronse curta “Aqua”, de Algarabía Animación, gañadora do premio á Mellor Curtametraxe de Animación e a longa finalista “Inevitable”, de Adiviña Producións, TVG e Zarlek, gañadora na categoría de Música Orixinal (Berrogüeto). Nesta sesión contamos coa asistencia de Virginia Curiá e Tomás Conde, e de Jorge Algora e Susana Maceiras para presentar a curtametraxe e a longa respectivamente.
O xoves, día 15 de maio proxectouse ás 20.30h a longa gañadora, “Somos Xente Honrada”, de Vaca Films e El Terrat, que se fixo cos Mestre Mateo á mellor Dirección (Alejandro Marzoa), mellor Guión (Miguel Ángel Blanca e Alejandro Marzoa), Interpretación Masculina Protagonista (Miguel de Lira), Interpretación Masculina de Reparto (Ricardo de Barreiro) e Maquillaxe e Perruquería (Susana Veira e Erea Pérez). Contouse coa presenza de Emma Lustres, produtora do filme.
Para rematar a semana de programación dos Mestre Mateo, o venres día 16 ás 18.00h foi a quenda de a cuarta longa finalista, “9 ondas”, de Noveolas Producciones coa participación de TVG. Simone Saibene, director da cinta, asistiu á presentación cos asistentes.