Nas semanas previas á Gala teñen lugar os Encontros Mestre Mateo, proxeccións e mesas redondas onde os estudantes das escolas de audiovisual de Galicia teñen a oportunidade de ver os traballos dos finalistas dos Premios Mestre Mateo e falar persoalmente con eles.
Ademais é o espazo onde os finalistas de cada categoría se atopan e intercambian impresións previas ao veredicto do premio o día da Gala.
Este ano tivo lugar do 22 ao 28 de marzo, comezando pola Fundación TIC de Lugo cunha mesa de “Curtametraxes” no Salón da Deputación de Lugo. Contou coa presenza de Sara Horta, produtora executiva de «Adivina quien viene a comer mañana»; Sonia Méndez, directora e produtora de «As damas negras»; Xacio Rodríguez Baño, director de «Estereoscopía»; e Iria Ares, directora de «La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa».
O venres día 23 de marzo os Encontros achegáronse a Compostela con “Produción”, e contamos coa asistencia de Cora Peña, produtora da longa documental «Apash, os de fóra»; Luis Usón, director e produtor da curta de animación «El club del bromista»; Amalia Mato, produtora da película para TV «Reliquias»; e Borja Pena, produtor da longametraxe «Secuestrados».
O día 26 de maio houbo dúas mesas simultaneamente na cidade de Vigo. Por unha banda, a EGACI tivo a mesa de “Directores” na que participaron Simón Casal de Miguel, director da película para TV «Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego»; Abelardo Rendo, director da longa documental «MPH Mann»; e Carlos Amil, director da longametraxe «A casa da luz».
Mentres, Fernanda del Nido, produtora executiva da longa documental «Tralas luces»; José Luís González González Barceló, produtor e director da curta de animación «A banda»; Paula Fernández, produtora da serie “Matalobos”; e Adrián Reza, produtor do programa para TV «Galegos no mundo», participaban no encontro de “Produción” no IES Audiovisual de Vigo.
O martes día 27 pola mañá houbo un coloquio de “Montaxe” na Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Marisol Torreiro, Pablo Paz e Pablo Muñoz, montadores da serie «Matalobos»; Sandra Sánchez, montadora da longametraxe «Doentes» e da longametraxe documental «Tralas luces»; e Manu Mayo, montador do programa «Galegos no mundo». E pola tarde, estivemos de novo en Santiago coa mesa de “Dirección de fotografía” no IES Arcebispo Xelmírez con Suso Bello, director de fotografía da longametraxe «Doentes»; Alberto Díaz Blanco «Bertitxi», director de fotografía da serie «Era visto!»; e Pablo Ces, director de fotografía do documental «As silenciadas».
Para rematar esta edición dos Encontros, o día 28 de marzo achegamos de novo unha mesa de “Produción” a Ourense. Desta volta, acompañáronnos Ángel Seoane, produtor da serie «Era Visto!»; Fran Naveira, produtor da longa documental «Lois Pereiro, seguindo os surcos»; e Ruperto García, produtor da obra publicitaria «Unha terra chamada calidade».