Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui foi seleccionado este ano para formar parte de Best Fest Film Series. Este programa escolle cada ano aos 10 festivais máis destacables do mundo, segundo a opinión dos seus organizadores, os xestores de Town Hall. Esta sala neoiorkina, en pleno centro de Manhattan, é toda unha institución na cidade. Fundada por un grupo de sufraxistas en 1921, o escenario acolleu nas súas nove décadas de historia a grandes da música como Billie Holliday, Charlie Parker, Duke Ellington, Nina Simone ou Bob Dylan. Pero non só de música vive Town Hall. O espazo sempre logrou manterse activo grazas ás proxeccións de cinema, concertos, obras de teatro, instalacións, exposicións de arte, charlas e outro tipo de eventos culturais que organiza ao longo da tempada. Actualmente, recibe a 200.000 espectadores anuais.
A filosofía desta sala sen ánimo de lucro é esencialmente divulgadora, polo que lle propuxo a Play- Doc que programe unha sesión con algunhas das películas máis relevantes da súa liña editorial. O certame decidiu levar a Nova York filmes galegos anteriormente mostrados no festival, que se proxectarán ante os 1.500 espectadores que enchen o Town Hall cada semana. O debate centrarase na efervescencia, nos últimos anos, de creadores galegos de alto nivel, recoñecidos a miúdo en festivais internacionais.
Esta sesión quere ser tamén unha xanela á cultura galega en xeral e, moi particularmente, aos 10 anos de percorrido do festival Play-Doc, que celebra o seu décimo aniversario do 2 ao 6 de abril próximos. Repasaranse os momentos álxidos do certame, presentando a súa liña editorial. Esta baséase na recuperación de figuras fundamentais do documental moderno, moitas veces esquecidas, como Marcel Lozinski, Artavazd Pelechian, Ross McElwee, os irmáns Maysles, Bogdan Dziworski, Raymond Depardon ou Jay Rosenblatt, entre outros.
Adicionalmente, o festival galego realiza unha selección cada ano dos títulos máis rompedores da tempada, daquelas películas de non-ficción que se atreven a traspasar as fronteiras do xénero para profundar na linguaxe cinematográfica. Tamén fai unha defensa do cinema galego, cunha sección dedicada ás producións máis relevantes da colleita anual; e organiza debates ao redor de tendencias, ou clases maxistrais dos directores invitados. Os últimos alicerces de Play-Doc residen nos concertos que cada ano traen a Galicia a importantes bandas do panorama español e internacionais; así como nas actividades formativas que o certame promove, destinadas a ampliar os coñecementos dos cineastas da zona mediante cursos, obradoiros e seminarios. Estes impactaron moi positivamente no crecemento artístico dos directores, que saíron reforzados de tales actividades, con mellores perspectivas de exhibición.
Town Hall pide ademais aos participantes de Best Fest Film Series que falen non só dos contidos, senón da experiencia que supón vivir o festival. Neste sentido, un dos aspectos que máis destacan os convidados é o ambiente acolledor da cita, á que acode un público fiel que enche as salas, e que arroupa aos seus autores. En Play-Doc, creadores e espectadores sempre se dan a man. Esta proximidade é posible, en parte, por organizarse nunha localidade pequena, onde se comparten sesións, paseos, comidas, charlas e, sobre todo, moito cinema. Como os organizadores adoitan destacar, lógrase levantar con poucos recursos un festival de dimensións reducidas, si, pero de grandes ambicións. O feito de que o certame se organice dende a periferia xeográfica e comercial do sector, e aínda así fose recoñecido como un dos máis destacados do mundo, enche de orgullo á organización do festival, que se sente moi agradecida por esta honra.
Tanto os responsables de Town Hall como de Play-Doc agardan que a presentación en Nova York poida aumentar o número de visitantes a Galicia para coñecer o festival e a rexión e, se cadra, tamén as outras moitas actividades en torno ao cinema que se levan a cabo na zona.