PLAY-DOC CONVÍRTESE EN ESCOLA DE CRÍTICOS

26 / 02 / 2014

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebrará do 2 ao 6 de abril próximos, pon en marcha este ano, con vocación de continuidade, un seminario destinado a críticos novos. O certame segue apostando, deste xeito, pola formación, sumando este curso ás súas iniciativas O retrato filmado e Docs in Progress, que en edicións anteriores promoveron o crecemento artístico dos cineastas participantes. Este novo seminario, baixo o nome de A crítica intermedia, tentará expor aos alumnos as diferenzas entre os textos teóricos e os xornalísticos. O obxectivo é buscar un equilibrio “entre o rigor da análise académica, e a paixón da espontaneidade cinéfila”, din os seus organizadores, os editores da revista de cinema www.acuartaparede.com.

Para iso, convidaron a importantes figuras do sector, que analizarán o tema dende distintos puntos de vista. Os poñentes son Antonio Weinrichter, reputado especialista en cinema documental e non narrativo; o catedrático da USC José Luís Castro de Paz, e os críticos da prestixiosa revista Caimán Cadernos de Cinema, Jara Yáñez e José Manuel López. A eles súmase o co-director de A Cuarta Parede, Iván Villarmea, que impartirá un obradoiro sobre xéneros xornalísticos aplicados á escritura sobre cinema. A intención é dotar aos asistentes duns coñecementos básicos, que melloren a calidade da súa caligrafía. O seminario complétase con prácticas na revista dixital, que publicará os textos dos alumnos, sobre películas mostradas en Play-Doc. O festival abre dende hoxe ata o 24 de marzo a convocatoria, para que os interesados poidan inscribirse. As bases pódense consultar na súa web, www.play-doc.com.

Adicionalmente, a publicación dixital presentará o libro Jugar con la memoria. El cine portugués en el S. XXI, escrito por colaboradores da revista, e editado por Shangrila. Esta é a primeira monografía en español sobre a última gran xeración de cineastas lusos, que inclúe nomes premiados en festivais internacionais, como Miguel Gomes (Tabú) ou João Pedro Rodrigues (Morrer Como Um Homem). O volume parte de Pedro Costa (Juventud en marcha) como un cineasta faro para Portugal, a partir do cal xurdiron moitos outros, que lograron revisar a historia do seu país (as relacións de ultramar, a ditadura salazarista, o pasado colonial…) dende preceptos estéticos modernos, de influencias moi diversas. Nun contexto transnacional, no que a mobilidade destes autores é case unha forma de vida, resulta difícil falar de cinemas nacionais, pero si se pode advertir unha preocupación común por revisar a memoria do país veciño.

Aproveitando a presentación desta novidade editorial, o festival Play-Doc mostrará un pequeño ciclo de documentais portugueses, asinados por cineastas desta xeración. Os títulos incluídos son Alvorada Vermelha (João Pedro Rodrigues, João Rui Guerra da Mata, 2011), Terra de Ninguém (Salomé Lamas, 2012) e É na Terra não é na Lua (Gonçalo Tocha, 2011).

Categoría: Noticias
Etiquetas: