A PELÍCULA CONCEPCIÓN ARENAL, A VISITADORA DE CÁRCERES PREMIADA EN RUSIA

15 / 05 / 2013

Producida por Zenit Televisión para Televisión de Galicia, a película obtivo o premio especial do xurado na edición 2013 do DetectiveFEST de Moscú, certame que se celebrou na capital rusa o pasado mes de abril. Blanca Portillo encarna á legalista, escritora e feminista galega, como visitadora de prisións de mulleres na Coruña. A rodaxe, dirixida por Laura Mañá, realizouse en diferentes localizacións como o castelo de San Felipe de Ferrol, o mosteiro de Santa Catalina de Ares ou as Fragas do Eume. 

O filme, coproducido con Distinto Films, para TVG, para TV3, Canal Sur e TVE contou coa participación de AGADIC e a Secretaria Xeral para a Igualdade da Xunta de Galicia, así como o Instituto da Muller, e foi galardoado anteriormente na décima edición do Festival Zoom Igualada (premio do Xurado Oficial de Mellor Telefilm, o de Mellor Dirección e o premio do Xurado Novo), no Festival de Creacións Televisivas de Luchon, en Francia (mellor ficción española) e foi exhibido durante a última edición do Festival de Málaga. É unha gran honra recibir esta nova distinción por parte dun festival onde se premia e dáselle gran importancia a temas relativos á lei e á orde, o que unha vez máis, enxalza a figura de Concepción Arenal, unha das mulleres máis sobresalientes do século XIX, precursora na loita contra a inxustiza e as desigualdades sociais. O momento da vida de Concepción Arenal que reflicte a película A visitadora de cárceres marcou un antes e un despois na traxectoria persoal e profesional da avogada e escritora ferrolana. O tempo que Arenal pasou traballando como visitadora de cárceres da Coruña deu como froito obras fundamentais para o sistema penal español en canto á reforma das leis penais, poñendo especial atención nas duras condicións de vida das presas. Esta produción, xunto con Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, forma parte da colección Mulleres na Historia, que Zenit Televisión e Televisión de Galicia continuarán abordando nas figuras de Rosalía de Castro e Margarita Xirgu, entre outras. Grandes mulleres galegas do século XIX de plena actualidade Concepción Arenal, a visitadora de cárceres e Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, recuperaron para o gran público a estas grandes mulleres do século XIX que foron fundamentais nos seus correspondentes campos e que utilizando as súas mellores armas, a literatura e a lei, levaron a cabo unha defensa acérrima dos dereitos da muller no seu tempo, abrindo o camiño a moitas outras figuras comprometidas a continuar co seu labor ata os nosos días.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: