PASE DE «A MARIÑEIRA» EN CEE, UN DOS EMPRAZAMENTOS DA PELÍCULA

27 / 02 / 2008

Hoxe mércores 27 de Febreiro ás 20:30 realizarase un pase do Telefilme “A Mariñeira” nos cines Xunqueiro do Centro Comercial Finis Terrae. Despois das boas críticas colleitadas nas anteriores proxeccións do Telefilme, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, no salón do Libro de Pontevedra e mais recentemente, no seo da Feira do Libro da Habana. Este pase supón un agradecemento especial ás vilas, ás institucións e os habitantes de Cee e os seus arredores (Pindo, Corcubion, Berdeogas, Quilmas…) que coa sua acollida convertiron a rodaxe unha experiencia moi positiva.
“A Mariñeira” é unha proba da boa liña que vén seguindo FICCIÓN PRODUCCIONES, unha liña dirixida cara o compromiso co bo facer audiovisual e os nosos valores culturais. Este telefilme, dirixido por Antón Dobao, está baseado nun relato literario de Darío Xohán Cabana titulado “A Mariñeira de Quilmas”que se basea en feitos reais, destinados quizais a se diluíren co paso das xeracións, e pertence ó proxecto Un mundo de historias, denominación que agrupa unha liña de traballo organizada arredor da translación a imaxes de obras da literatura galega.

“A Mariñeira” é un telefilme rodado durante os meses de Xuño e Xullo e producido por Ficción Producciones e Diagonal TV, TVG, Televisión de Catalunya, ICIC e Consellería de Cultura. A rodaxe levouse a cabo nas localidades de Quilmas, O Pindo, Corcubión e Dumbría.

A través d’A Mariñeira navegamos rumbo á época máis crúa do pasado histórico recente deste país: a Guerra Civil e primeiros anos de posguerra. A Mariñeira é un telefilme que nos permite, por unha banda, ser testemuñas dos terrores do ano 1936 e seguintes e das ilusións frustradas de tanta xente ao estalar o golpe de Estado que orixinou a Guerra Civil, temas tan recorridos nos libros, fitos e desgrazas que todos, directa ou indirectamente, coñecemos. Por outra banda, introdúcenos nunha historia particular de aventuras, amor, inxustizas, guiada pola valentía dunha muller nunha vila mariñeira galega.

Categoría: Noticias
Etiquetas: