Á falta de coñecer os premios do público ás mellores curtametraxes de ficción e de animación, adiantámosvos o palmarés deste ano: Premio de Honra Pedigree´13, dotado coa estatuíña do Can de Pedra: Manuel Manquiña.
Premio do xurado á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Calquera infinito posible, dirixida por Roi Fernández Alonso, que o xurado valorou como unha curta «moi completa na que destaca o gran nivel que presenta tanto na fotografía, no guión como na interpretación». Valorou ademais que se trata dunha idea moi arriscada e poética que convence.
Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra: Flores para Amalia, dirixida por Nani Matos, porque explica unha realidade coa que os veciños se senten identificados e porque retrata unha historia de amor que calquera querería vivir.
Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, dotado co Can de Pedra e 1.500 euros: Sangre de unicornio, de Alberto Vázquez porque «asume o risco en todas as dimensións da animación, cun debuxo moi persoal e cunha historia moi fantasiosa na que o director consigue encaixar todas as pezas».
Premio do xurado á mellor interpretación masculina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Carlos Blanco, por Mal de sangre. O xurado valorou a actuación do actor por manexar con moito acerto unha personaxe moi complexa e difícil.
Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Helena Miquel por Mal de sangre, pola gran dimensión que a actriz lle confire á personaxe. O xurado valorou ademais que a súa interpretación potencia a dimensión das outras personaxes.
Premio do xurado ao mellor guión, dotado co Can de Pedra e 200 euros: Robin & Robin, dirixida por María Pérez e Hugo Amoedo pola «interrelación perfecta do guión coa realización e a interpretación». O xurado destacou ademais que se trata dun «guión arriscado e redondo, cunha idea ben executada e contundencia emocional».
Premio do xurado ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “Mundo en trance”, de Lemuripop realizado por Soledad Rebollo. O xurado valorou especialmente da peza a súa estética e montaxe actual e destacou que «a linguaxe simbólica empregada é moi acorde co que transmite a letra da canción, conxugándose perfectamente imaxe e música». Sinalou ademais sentirse moi identificado co mundo en trance que nos presenta e no que vivimos actualmente.
Premio do público ao mellor videoclip, dotado co Can de Pedra e 300 euros: “Terra”, de Dakidarría, realizado por Julián Maguna.
Premio do xurado á mellor banda sonora, dotado co Can de Pedra: Calquera infinito posible polo seu son fresco e diferente. O xurado valorou ademais que a banda sonora forma parte do concepto estético da película e destacou o feito de que a música serve de gran apoio á imaxe. O xurado quixo ademais destacar a gran calidade das bandas sonoras dos traballos presentados a concurso.
Xurado de curtametraxes
Juan Ibáñez “Trancas”: actor, guionista e presentador, popular por dar vida a ‘Trancas’, unha das dúas formigas mascotas de El Hormiguero, un programa que causa furor.
Cristina Pato: gaiteira e pianista cunha longa traxectoria na world music. Ademais, está en Cans para presentar o seu novo disco Migrations.
Unax Ugalde: actor. Ten traballado en películas como Héctor, que lle valeu a nominación ao Goya á mellor interpretación masculina de reparto, Alatriste ou Somos gente honrada, que se estrea este ano en Cans.
Xabier Fortes: xornalista de TVE, ex-director e presentador de “La noche en 24 horas”. Dirixiu o centro territorial de TVE en Galicia dende 2007 a 2011, ao que acaba de regresar. Ten guionizado e dirixido varios documentais.
Mara Sánchez: actriz, popular polo seu traballo en diversas series de ficción, entre elas Libro de familia. Ten actuado en películas como Vapores, Mulleres e La novia de medianoche, polas que foi candidata ao galardón de mellor actriz protagonista nos Premios María Casares e AGAPI.
Patricia Vázquez: popular actriz televisiva con máis dunha década de experiencia tamén no teatro. Na TVG participou en programas concursos, magazines pero sobre todo é coñecida polos seus papeis en series de ficción como Padre Casares, Pratos combinados, Mareas vivas ou Era visto!.
Xavier Villaverde: autor de películas como O sexo dos anxos, Continental ou Trece badaladas, Villaverde foi dos primeiros directores que realizou longamentraxe en Galicia. Entre os seus traballos figuran tamén spots e videoclips como Galicia caníbal, dos Resentidos. En 2009 recibiu o Premio Pedigree.
Xurado dos Videoclips
Juan Fuentes: reporteiro e presentador, coñecido polo seu traballo na TVG en programas como Criaturas, Ruta 66, Na túa pel ou Pola cara. Tamén é músico do grupo A Banda de Balbina. Será o encargado de presentar a Noite V Clips.
Iolanda Zúñiga: escritora, actriz e pedagoga musical. Forma parte do grupo de música para nenos Murmel-bruxas. En 2010 recibiu o Premio Xerais de Novela por Periferia.
Charly de los Suaves: baixista e fundador xunto aos seus irmáns Yosi e Javier Domínguez de los Suaves, unha das bandas máis veteranas e respectadas do hard rock estatal.
Pilar Comesaña: xornalista cultural. Coordinadora do programa cultural da TVG Zig-Zag. Tamén dirixiu o programa temático Planeta Cine.
Uxía Senlle: Cantante de longa traxectoria, produtora e crítica musical no programa Diario Cultural da Radio Galega.
Xurado dos veciños
Carme Fernández (Carme de Adela): Ten 67 anos, vive no barrio do Buraco, está xubilada e pasou case 30 anos traballando en Suiza.
Aurora García (Aurora de Lago): ten 66 anos, vive nos Eidos e é ama de casa.
Feliciano Vila (Félix): ten 79 anos, vive na Adroza, era o practicante que nos puxo as inxeccións a todo Cans e tamén traballou de madeireiro.
Maximina Giráldez (Mina de Pedreiro): ten 74 anos e vive nas Sequeiras. É a propietaria que nos cede cada ano a Sala Multiusos e o Jaliñeiro Unplugged.
Rosa Bernárdez: ten 44 anos e é monitora de autoescola do barrio do Painzal.