Padre Casares está de celebración, e por partida dobre. O pasado luns chegaba a Televisión de Galicia a súa duodécima tempada e facíao coincidindo co quinto aniversario da serie. Non podía haber mellor celebración para a produción de Voz Audiovisual que regresaba, tras unha semana de descanso polo parón navideño, demostrando, unha vez máis, que é a opción favorita dos galegos para a noite do luns.
O primeiro capítulo da súa duodécima tempada, o 160, situou á serie como o máis visto en Galicia en horario de máxima audiencia. Cun share do 16.5% e unha media de 186.000 espectadores, a ficción de Voz Audiovisual regresaba á pequena pantalla como líder por diante de calquera produción nacional ou estranxeira.
Co estreo da súa nova tempada, Padre Casares logrou superar ao cine de Telecinco avantaxándoo en máis de 45.000 espectadores. A película Noite e día tivo que conformarse co segundo posto na lista de preferencia dos galegos logrando unha cota de pantalla do 13.1% e 121.000 espectadores. Tras ela situábase A 1 de TVE que, con Gran Reserva, anotaba un 12.8% e congregaba no estreo da súa terceira tempada a 130.000 espectadores fronte ao televisor.
Durante o momento máis visto do capítulo do pasado luns de Padre Casares, a serie de Voz Audiovisual lograba reunir a 218.000 galegos. O minuto de ouro rexistrábase ás 22:29 horas e anotaba unha cota de pantalla do 18.6%.
Nesta primeira entrega da duodécima tempada, os espectadores de Padre Casares puideron coñecer como afronta a vida Urbano despois de que Sabela o deixe plantado no altar. O policía, feito po e incapaz de comprender os motivos polos que Sabela fuxiu da igrexa, decidía buscala. Sen noticias da nova, Urbano terminaba instalándose en casa de Moncha e Delmiro e convertíase en mordomo do matrimonio.