PACO RODRÍGUEZ FALARÁ NO MPXA DO FINANCIAMENTO E A COPRODUCIÓN AUDIOVISUAL

21 / 02 / 2012

Paco Rodríguez, produtor executivo de películas como Donkei Xote ou Pérez el ratoncito de tus sueños (Goya 2006), visitará os próximos días 22, 23 e 24 de febreiro Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para analizar o entorno legal das coproducións audiovisuais.

O director xeral de Media Training & Consulting abordará durante as sesións que impartirá no MPXA a estrutura do mercado internacional, a cadea de explotación da obra audiovisual e o proceso dunha coprodución, así como os aspectos contractuais dunha negociación, a elaboración dun plan de financiamento e as novas maneiras de  producir e distribuír.

Rodríguez, experto audiovisual do programa Media da Unión Europea, fundou no 1990 PPM Multimedia, unha empresa de distribución de programas audiovisuais onde traballou durante dez anos na distribución internacional, o financiamento de coproducións e a produción executiva de series de animación. No 2000 comezou a traballar como director de ventas internacionais e coprodución no Grupo Filmax. Dous anos despois pasou a ocupar o cargo de produtor executivo en Filmax Animation, de series de animación como Goomer, El Cid, la leyenda (Goya 2004), P3K Pinocchio 3001 (Goya 2005) e Nocturna (Goya 2007), entre outras. Na actualidade, é director de Media Training & Consulting, empresa que se dedica a avaliar proxectos audiovisuais e cinematográficos. Ademais, exerce de consultor para o Instituto de Comercio Exterior (ICEX) no campo da internacionalización do audiovisual español.

Na última xornada o produtor executivo impartirá unha master class sobre as técnicas de pitching. O obxectivo desta sesión é que os alumnos analicen as posibilidades reais e as debilidades dos proxectos audiovisuales que realizan ao longo do curso no mestrado, e aprendan a realizar unha exposición determinada do seu produto en función do destinatario.

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: