OUFFESCOLA 2012 ABRE O PRAZO DE VOTACIÓN ONLINE

29 / 10 / 2012

O IV Certame de Cinema OUFF Escola, unha iniciativa do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) coa colaboración da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da asociación Ponte…nas Ondas!, abre hoxe o seu prazo de votación online para outorgar o Premio do Público. A este galardón poden optar todos os participantes no certame, cuxos vídeos se atopan colgados na web do OUFF, e recibirá unha mención honorífica. A gañadora será a que acade o maior número de LIKEs (gústame).

Para esta edición, o número de participantes ascende a 57 equipos de traballo formados por un total de 1.090 alumnos. 11 de Educación Infantil e Primaria e 46 de ensino Secundario e non universitario. Salvo 1, de León (lembremos que n’O Bierzo se imparte a asignatura de galego) e 2 de Portugal, os 54 restantes traballos prodecen de Galicia. O reparto por provincias queda como segue: 22 d’A Coruña, 16 de Pontevedra, 12 de Lugo e 6 de Ourense. Se en anos anteriores había que destacar a participación de colexios coma o de Pubai, na India, nesta edición hai que sinalar que tres colexios de Educación Infantil de distintas provincias (Pontevedra, A Coruña e Lugo) presentaron un traballo conxunto titulado Manolo, o morcego curioso, con 124 estudantes, e un traballo en clave musical no que participaron 300 alumnos, Eu falarei, del IES Chapela de Vigo.


Por outra banda xurado desta cuarta edición está formado por:

  • César Silva [Programador do Festival de Cine Internacional de Ourense]
  • Manoli Maseda [Coord. de equipas provinciais de Normalización e Dinamización Lingüística]
  • Paulino Peña [Mestre de Educación Primaria e escritor]
  • Severiano Casalderrey [Profesor de Secundaria e Director do Festival Anirmau]
  • Santiago Veloso [Presidente da Asociación Ponte nas Ondas]

Os premios serán entregados nunha gala que se celebrará no Auditorio Municipal o vindeiro martes 6 de novembro, dentro das actividades do 17OUFF, coa presenza dos colexios galardoados.

Filosofía do certame/ OUFF Escola nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.


A iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Categoría: Noticias
Etiquetas: