A precariedade laboral na que traballan os músicos e compostitores galegos que compoñen para o sector audiovisual, a televisión principalmente, foi o tema que acaparou boa parte do tempo na Mesa Redonda organizada pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Seminario de Composición de Música de Cine que se está celebrando na Coruña, nos Estudios de Man. Ó acto, presidido pola directiva da A.G.A. Nani García e a presidenta da mesma, María Bouzas, así como o músico Sergio Moure, asistíu un bo número de músicos e compositores, entre os que se encontraban Piti Sanz, ou Bernardo Fuster de Musimagen, quen ofrecera previamente un relatorio sobre a situación laboral do compositor de música para a imaxe.
OS MÚSICOS QUE TRABALLAN PARA O AUDIOVISUAL FALARON DA PRECARIEDADE LABORAL
A Mesa, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, concluíu que é necesario organizarse
A Coruña, venres 3 de novembro 2006
A precariedade laboral na que traballan os músicos e compostitores galegos que compoñen para o sector audiovisual, a televisión principalmente, foi o tema que acaparou boa parte do tempo na Mesa Redonda organizada pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Seminario de Composición de Música de Cine que se está celebrando na Coruña, nos Estudios de Man. Ó acto, presidido pola directiva da A.G.A. Nani García e a presidenta da mesma, María Bouzas, así como o músico Sergio Moure, asistíu un bo número de músicos e compositores, entre os que se encontraban Piti Sanz, ou Bernardo Fuster de Musimagen, quen ofrecera previamente un relatorio sobre a situación laboral do compositor de música para a imaxe.
Os asistentes á Mesa afondaron nas razóns que levan a ter unhas condicións de traballo precarias, salientando entre outras a obriga de teren que asinar contratos nas TVs que implican a cesión de dereitos editoriais, sendo na práctica totalidade dos casos, a propia tv quen figura como Editorial, o que conleva unha merma considerable nos ingresos dos músicos nas retransmisións ou reposicións dos produtos audiovisuais, un problema este que se dá non só en Galicia, senón tamén no resto de España e en boa parte de Europa.
Outra das realidades analizadas –ligada tamén á precariedade- vai máis pola vía profesional, defendendo os músicos e compositores a necesidade de realizar o seu traballo nas condicións favorables para facer un traballo de cualidade, dado que normalmente, as producións relegan a un segundo plano o proceso de creación e gravación das músicas dos traballos audiovisuais, que se ven na obriga de realizarse restando músicos e outros recursos, e resultando un produto final con peor cualidade da que @s autor@s musicais propoñen dende o comezo, afirmando que pagan os pratos rotos da mala xestión produtiva no audiovisual.
Máis información e asociacionismo
A falla de información provocada polo illamento no que se ven @s propi@s profesionais da música por non estaren asociados, foi outro dos temas abordados na Mesa Redonda, illamento que se produce tanto no propio sector como no ámbito intersectorial. Moitos dos problemas que vive este colectivo, son comúns a outros colectivos do sector audiovisual, e sen embargo, non existe un movemento reivindicativo nin unha posición conxunta entre estes sectores. O difícil asociacionismo sen embargo, foi dalgún xeito contrarrestado coa propia presencia da Academia Galega do Audiovisual, á que onte se inscribiron varios músicos galegos, porque ven necesaria a unión do sector para defender os intereses colectivos do mesmo, non dende o punto de vista sindical –pois non é ese o obxecto da A.G.A.- senón para estaren máis conectados e informados de todo canto atinxe ó audiovisual galego.
Nani García e María Bouzas, salientaron unha realidade: o crecemento en Galicia dos músicos do audiovisual, é notorio. Non en van, ademais, é a única Comunidade Autónoma que conta cun Estudo –Man- que ten unhas infraestruturas óptimas tanto para a gravación como para a produción musical para cine e tv, contando con orquestra propia que presta os seus servizos interpretativos, e mesmo a dirección de orquestra para calquera produción audiovisual.
Como conclusión de remate, María Bouzas afirmou que dada a boa acollida desta Mesa Redonda e a importancia de todo canto nela se abordou, a Academia repetirá iniciativas coma esta nun futuro próximo, para continuar debatendo as cuestións que atinxen tanto a este como a outros sectores do amplo abano audiovisual en Galicia.
O Seminario de Composición de Música de Cine, rematará o vindeiro domingo día 5.