OS “ARTABRIÑOS” SERÁN PROXECTADOS MAÑÁ POR PRIMEIRA VEZ EN COVAS

20 / 07 / 2010

Mañá, mércores 21 de xullo, terá lugar por primeira vez a proxección dos Artabriños, as curtas resultantes da campaña promocional de Ferrolterra, Chámalle como queiras, e que foron presentados o pasado 2 de xullo no Pazo da Cultura de Narón. Así, a proxección comezará ás 22 horas e irá precedida da sinatura do libro de Xosé L. Díaz Dopico, “Louro e Mouro”, que dará comezo ás 21 horas.

As curtas que se exhibirán no Adro do Local Social de Covas son Dous homes e un suicidio, de Iria López, que fala de dous homes que comparten un mesmo escenario onde se queren suicidar; Paixón por Ferrol, de Miguel García, no que se describe a Semana Santa na cidade; Melódica Ártabra, dirixida por Laura Menéndez, que expón o panorama musical destas comarcas; Pantín Classic (Looking for waves), de Álvaro Liste, unha curta na que se describe o campeonato de surf que se realiza en Pantín e finalmente, Cariño 1941, de Xosé Lois Santiago e Pablo Ces.

Ademais, a curta gravada en Covas, Aquí non hai nada, non? tamén será proxectada na localidade. Esta peza foi realizada como resultado do Obradoiro de Iniciación á Curtametraxe de Ficción, que tivo lugar no local da Asociación de Veciños de Santa Comba de as Covas, do 8 de abril ó 6 de maio.

A curta conta a historia de unha parella que viaxa en coche. Rematan perdéndose nunca paraxe descoñecida e deciden pasar a noite nun albergue próximo. O pai da familia non está contento ca decisión, e pronto se descobre o segredo que se agocha no pequeno pobo de Covas, que está directamente relacionado con el.

Categoría: Noticias
Etiquetas: