OS ALUMNOS DE INICIACIÓN Á CURTAMETRAXE ESTREAN OS SEUS PROXECTOS

25 / 05 / 2009

A presentación terá lugar o venres 29 de maio ás oito da tarde no auditorio do ITE Caixa Galicia.    

Os obradoiros, dentro das actividades do programa  Noitenova, foron coordinados pola Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello coruñés e a produtora Mr Misto Films.

Hai dous anos unha iniciativa pioneira no Concello da Coruña poñíase en marcha dende a Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística coa colaboración da produtora audiovisual Mr Misto Films. Eran os primeiros obradoiros de iniciación á curtametraxe, desenvolvidos en catro xornadas e baseados na realización de curtametraxes de ficción e documentais a través do asesoramento práctico dos docentes dos cursos, entre os que salienta o director de curtametraxes galego, Jairo Iglesias.

Despois de dous anos, e da realización de catro obradoiros, poderemos desfrutar dos froitos destes alumnos. Será o venres 29 de maio ás oito da tarde no auditorio do Instituto Tecnolóxico Empresarial Caixa Galicia sito na Ronda de Nelle da cidade herculina. Na proxección poderánse ver seis documentais e dúas curtametraxes de ficción, a última delas, Gracias por su visita, foi galardoada o pasado mes de abril como mellor curta do público no II Festival de curtas de Sada.

A realización destes obradoiros está integrado dentro das actividades do programa Noitenova, desenvolvido ao longo dos anos 2008 e 2009 no Concello da Coruña.

 

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: