OS ALUMNOS DA EGACI COMEZAN A RODAR OS SEUS PROXECTOS FINAIS

31 / 05 / 2010

Como é habitual nos últimos anos, os alumnos de tercer curso da Escola Galega de Cine están producindo as curtametraxes que supoñen o colofón da súa etapa de formación. Así, o pasado venres, Jacobo Saenz, demostrou a súa capacidade como director coa película en 35 mm “Confidencias de una cama”, que tamén é un guión orixinal do director novel. Rodouse na suite do Hotel Zenit, en Vigo.

Este proxecto, ademais, supuxo a tese de graduación da alumna Alba P. Gallego como directora de fotografía. Estes dous alumnos volveron unir os seus esforzos como xa o fixeran  na ópera prima de ambos, “Marionetas” (2008), curtametraxe que mantén unha liña temática e estética con “Confidencias de una cama”.

A película toca un tema actual e humano. É un drama intimista, de factura sinxela pero notable, falará sobre una crise existencial da vida en parella e os seus problemas. O perdón, as oportunidades, o medo a fracasar e a infidelidade son temas constantes na trama, onde segundo as propias palabras do director, “a forza dramática residirá no traballo cos actores”.

O film contará coas interpretacións dos galegos Xúlio Abonjo e Lucía Regueiro. O equipo técnico estará formado por distintos alumnos da EGACI e contará con distinguidos profesionais que, por primeira vez, traballarán formando parte do equipo técnico. O seguimento da rodaxe poderá facerse a través do facebook  “Confidencias de una cama”, que pretende ser un diario de rodaxe ao tempo que establecerá un xogo de propostas coa propia trama da película.

Categoría: Noticias
Etiquetas: