OFERTA DE FORMACIÓN NO LABORATORIO AUDIOVISUAL DE VEDRA

22 / 12 / 2014

Dende a Asociación Cultural Senunpeso volven un ano máis (e xa van oito) a ofrecerlle a profesionais e afeccionados a posibilidade de formarse en aspectos específicos do ámbito audiovisual, a través do Laboratorio Audiovisual de Vedra. Os días 7 e 8 de febreiro de 2015 celebrarase unha nova edición do LAV. O programa fórmano 11 obradoiros con contido teórico e práctico, que procuran que os participantes adquiran coñecementos para a súa maior autonomía creativa e expresiva. Ata o 1 de febreiro é posible inscribirse nas 165 prazas dispoñibles, 15 para cada curso.

Esta é a relación de cursos do LAV 2015:

Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 7 e o domingo 8 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun prezo de 50 € para cada participante, coa excepción do curso de Maquillaxe FX, cun custe de 70 € que inclúe o material que empregará cada participante. O curso para alumnado da ESO é de matrícula gratuíta.

A matrícula formalízase on line antes do 1 de febreiro a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org.

Na súa oitava edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais e multimedia. Polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.200 afeccionados e profesionais. Na Asociación Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Unhas liñas sobre os cursos desta edición

O RITMO DO RELATO (TEORÍA E PRÁCTICA DA MONTAXE), con Jorge Coira: A montaxe é o lugar onde se cociñan as historias, o espazo onde se moldea e se eleva unha obra… ou onde se destroza. Atopar o ritmo do relato, o latir da narración -en definitiva, a mellor película posible dentro do material rodado- é obxectivo fundamental do montador. E nesa procura, cada corte e decisivo. Imparte Jorge Coira, director das longametraxes «18 comidas» e «O ano da carracha» e de curtas e series de televisión, ademais de montador de producións propias e doutros directores.

DIRECCIÓN DE ACTORES E ACTRICES, con Alfonso Zarauza: O director de «A noite que deixou de chover», «Encallados» e «Os fenómenos» imparte este obradoiro integrado por directores e actores e actrices. Primeiro abordarase o traballo actoral e o traballo do director de actores e a súas relacións, conflitos e características en xeral. Falarase tamén sobre como traballar coa fisicidade, da parte máis técnica do traballo actoral e da máis emocional, do texto e o subtexto, o deseño da posta en escea e as diferentes posibilidades de improvisación. Todo este traballo farase sobre a base da execución de secuencias preseleccionadas dos tres filmes de Alfonso Zarauza. Logo cada director dirixirá unha ou dúas escenas, e os diferentes actores interpretarán polo menos dúas destas escenas. Cada escena representada será analizada e comentada en presencia de todos.

INTERPRETACIÓN, con Flor Maceiras: Actriz e directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras conta cunhaampla experiencia como docente en formación actoral. O seu traballo céntrase en procurar que @s intérpretes identifiquen e poñan a punto os seus recursos persoais para a interpretación. A partir do coñecemento e manexo das propias habilidades e do coñecemento básico dos distintos ámbitos nos que a actuación ten lugar (escena, audiovisual, radio etc), as actrices e actores poderán desenvolverse eficazmente, adaptándose ás necesidades e esixencias de cada medio.

ARDUINO, con Guillermo Cordeiro: Taller teórico-práctico para iniciarse no manexo das placas Arduino compatibles. A finalidade é crear unha estrutura de lámpadas led (cubos cun Arduino e uns led no seu interior), de tal xeito que os cubos cambien o seu estado (acendido/apagado) se nos achegamos ou se o pulsamos. Ademais, a segunda parte do taller, servirá para comunicar os diferentes Arduinos entre eles, de forma que poidan ser accionados a distancia ou mostrar o seu estado nunha páxina web.

DIT: O LABORATORIO DIXITAL NO SET, con Fernando Alfonsín: Hoxe en día o rexistro de imaxes nas producións é dixital na súa práctica totalidade. Para manexar de maneira correcta a calidade da imaxe e os arquivos dixitais asociados, aparecen o  DIT (Técnico de Imaxe Dixital) e o Data Wrangler (Xestor de media). Este curso describe as funcións de DIT-Data Wrangler e as nocións básicas da corrección de cor con DaVinci Resolve. Conta cun Laboratorio Dixital Portátil utilizado en producións cinematográficas con software e hardware específico.

COLORIMETRÍA, con José Pereira: un curso dirixido aos profesionais e entusiastas do deseño gráfico ou fotografía dixital que queiran acadar uns bos resultados na reprodución dixital da cor. Abordarase a teoría de como funciona a xestión da cor do International Color Consortitum e como preparar o noso espazo de traballo para cumprir unhas condicións de visualización normalizadas. Explicaranse os estándares máis comúns de impresión profesional e faranse prácticas con monitores, escáner, impresora, espectrofotómetro e todo o que se preste para acadar unha reproducción da cor profesional.

DESEÑO EFÉMERO, con Marcelino de la Fuente e Toni Cobertera: este curso repasa o  proceso de deseño e creación dos diferentes tipos de instalacións efémeras. Baseándose na súa experiencia en Think Diseño y Comunicación, os docentes percorrerán os pasos que requiren estes proxectos, os elementos, materiais e persoal que os integran e as claves necesarias para o seu desenvolvemento. O curso formúlase como algo práctico, con exemplos reais de diferentes solucións que o estudio deu a traballos concretos e finalizando cun exercicio práctico no que se traballarán todos os aspectos vistos no curso.

MAQUILLAXE FX, con Alberto Hortas: Os alumnos ( escultores, artistas, maquilladores, escenógrafos) aprenderán a deseñar unha dentadura dun personaxe para modelalo en plastilina, desenvolvendo técnicas en modelado, con moldes de silicona e escaiola exadura. Cada dentadura será producida en resina acrílica. Ademais poderán saber técnicas para pintar ese material con pinturas cuns acabados verosímiles. Alberto Hortas é un artista de efectos especiais de maquillaxe, que traballou en filmes como «El espinazo del diablo», «El laberinto del Fauno», «Eva», «Los Lobos de Arga», «Agallas» e «Crebinsky».

VÍDEO CON CÁMARA RÉFLEX, con Gutier Rolán [últimas prazas]: Curso básico sobre o manexo dunha cámara de vídeo e os principios da linguaxe audiovisual para planificar a realización e montaxe de vídeos. Aprenderanse as regras básicas da gravación, pensando en obter o mellor material para a sala de montaxe. No temario inclúense os principios básicoas da linguaxe audiovisual, o manexo da cámara Réflex, o trípode e outros estabilizadores, as regras básicas da gravación e como rompleas e unha introdución á montaxe. Do curso encárgase Gutier Rolán, con experiencia en publicidade, longametraxes, curtametraxes, videoclips e documentais. Adícase tamén á fotografía.

DOBRAXE, con Xoán Diéguez [prazas esgotadas]: Oobradoiro que trata todos os aspectos da dobraxe: aspectos básicos, o proceso de produción, a sala de dobraxe, as tomas (ver e oír, recordar e fixar, reproducir), e aspectos fisiolóxicos da voz e do sistema respiratorio. Imparte Xoán Diéguez, actor e director de dobraxe dende o ano 1985. Participou como actor de dobraxe en «El bosque animado», «Doraemon», «Pasión de Gavilanes» ou «El Virginiano». Como director de dobraxe encargouse de «Nocturna», «Mater Natura» ou a premiada serie de documentais da BBC «The Human Face».

VIDEOCREACIÓN CON MÓBILES (para alumnado da ESO), con Illa Bufarda [prazas esgotadas]: o obradoiro centrarase no aproveitamento dos recursos e creatividade co móbil. Os participantes aprenderán a contar o que queren a través da linguaxe audiovisual sen máis ferramentas que as súas cabezas, un móbil e un ordenador cun programa de edición. Imparte a produtora creativa Illa Bufarda. As súas integrantes, Sabela Iglesias e Adriana P.Villanueva, levan xa tres anos de travesía e na viaxe impartiron obradoiros de videocreación, animación stop-motion, fotografía… e coas temáticas: igualdade de xénero, diversidade, tradición oral… para lograr descodificar e crear novas mensaxes.

Máis información en: www.senunpeso.org

 

Categoría: Noticias
Etiquetas: