OBRADOIRO ESCÉNICO PARA NENOS NO MACUF

27 / 12 / 2011

Dende onte e ata o vindeiro mércores, 4 de xaneiro, de 11.00 a 14.00h ten lugar un obradoiro escénico para nenos e nenas de 3 a 12 anos no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, impartido por Fabiana Gastaldello, Adelaida Pittaluga e María Noel Toledo. 

Neste exclusivo obradoiro, os pequenos actores realizarán unha incrible e divertida viaxe espazo-temporal que os somerxerá en ambientacións clásicas, contemporáneas e futuristas, descubrindo en cada unha delas as distintas relacións dos nenos cos seus xoguetes e coa maxia do Nadal.

Como en edicións anteriores, Fabiana e Adelaida porán o acento en aspectos interpretativos como actuación, canto, danza, expresión corporal e mímica, mentres que María Noel traballará tralas bambalinas orientando aos pequenos actores no deseño e realización de tódolos elementos escenográficos da obra: decorados, vestiario e atrezo.

O obradoiro finalizará cunha función aberta ao público no auditorio do Museo o mércores 4 de xaneiro ás 18.00h, que servirá para que os rapaces e rapazas desexen unhas Felices Festas aos seus familiares.

Unha experiencia innovadora, ademais dunha alternativa de ocio creativa e reflexiva, que se estenderá ao longo de tódalas vacacións escolares de Nadal, en horario matinal, e está dirixida por tres profesionais de contrastada experiencia escénica.

Categoría: Noticias
Etiquetas: