Adolfo Blanco, socio fundador de Notro Films, falará en CICA, o próximo venres 24 de abril, sobre a xestión de dereitos audiovisuais. Na súa ponencia abarcará desde a adquisición de dereitos de obras estranxeiras para a súa exhibición e distribución, ata a produción e desenvolvemento de proxectos cinematográficos de nova creación. Incidirá tamén nas estratexias comerciais da distribución, a través de terceiras compañías, para o aluguer e venta directa (DVD), e a forma para manter o control sobre a adquisición do produto e a xestión de marketing de cada obra.
Tras varios anos no sector editorial, Adolfo Blanco incorpórase como Director Xeral Adxunto a Filmax en 1992, onde xestiona, entre outros proxectos, o inicio da actividade de ventas internacionais.
En 1999 pon en marcha e dirixe a división de cine do Grupo Planeta, hoxe DeA Planeta. Funda en 2004 Notro Films, distribuidora e produtora que integra no Grupo Vértice 360, da que Adolfo Blanco dirixe a división de cine ata marzo de 2009. Nos últimos 17 anos adquiriu e xestionou os dereitos de cine, DVD e/ou televisión de preto de 5.000 títulos, desde éxitos como El Pianista, No sos vos, soy yo, Manuale d’amore ou John Rambo a clásicos como as películas de Jacques Tati, Yasujiro Ozu ou Carl Theodor Dreyer.
A compañía Notro Films, con sede en Madrid e Barcelona, está dedicada á xestión integral de dereitos audiovisuais e é de capital cen por cen español. Aposta pola combinación de cine independente e títulos de éxito comercial. As principais áreas de negocio nas que opera son a adquisición de dereitos e a explotación de obras cinematográficas como Super Size me e Llamada perdida.
A última produción da que se fixo cargo Notro Films é o thriller de Fernando Meirelles A Ciegas, estreada hai apenas un mes e baseada na novela de José Saramago Ensayo sobre la ceguera.Entre as próximas estreas desta compañía atópase Cosas insignificantes de Andrea Martínez Crowther e o thriller dramático Anything for her, a ópera prima de Fred Cavayé, fotógrafo de moda.