O PRÓXIMO 15 DE NOVEMBRO FINALIZA O PRAZO PARA PARTICIPAR EN PLAY-DOC 2011

15 / 10 / 2010

A un mes do peche da inscrición para participar na sétima edición do Festival Internacional de Documentais de Tui o festival xa recibiu máis de 400 obras procedentes de todo o mundo, o que confirma unha vez máis a súa notable proxección exterior.

Dedicado exclusivamente ao xénero documental de creación, Play-Doc situouse desde os seus comezos como referente do audiovisual en Galicia  e como o festival independente con maior transcendencia máis aló das nosas fronteiras. 

O programa constará unha vez máis dunha Sección Oficial a competición divida nas categorías de longametraxes, curtametraxes e documentais galegos, e unha Sección Informativa. Charlas, obradoiros, masterclasses, exposicións ou os concertos a cargo dos protagonistas das películas exhibidas, son algunhas das propostas máis rechamantes do certame galego. 

Todos aqueles interesados en participar na sétima edición de Play-Doc, que terá lugar do 30 de marzo  ao 3 de abril  de 2011 na cidade de Tui, deberán presentar os seus traballos a preselección antes do 15 de novembro de 2010.  

Para máis información consultar bases e ficha de inscrición, dispoñibles na páxina web do festival www.play-doc.com

Categoría: Noticias
Etiquetas: